InicioSociedadeCaballero insta a Xunta a comprar os edificios lindeiros ao inmoble onde...

Caballero insta a Xunta a comprar os edificios lindeiros ao inmoble onde houbo desprendementos en Peñasco

O goberno galego, de acordo cos propietarios, anuncia a adopción de "medidas urxentes de seguridade".

PUBLICADO O

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, instou este mércores á Xunta de Galicia a adquirir e rehabilitar os inmobles lindeiros ao edificio de Praza do Peñasco 5, no Casco Vello vigués, e onde se produciu un derrube que obrigou a parar as obras de construción dun albergue de peregrinos (promovidas pola Consellería de Cultura e Turismo) nos números 7 e 9 desa praza.

Nunha rolda de prensa, o rexedor confirmou que o Concello se puxo en contacto coa Xunta, así como cos propietarios do edificio onde ocorreron os desprendementos, para instalos a que tomen as medidas necesarias para garantir a seguridade. Todo iso despois de que houbese que desaloxar a varios veciños de casas lindeiras e reacomodalos nun hotel da cidade.

Segundo o alcalde, os técnicos apuntan, a falta de estudos máis detallados, ás obras que realiza a Xunta nos números 7 e 9 como posible causa deses desprendementos, e subliñou que a administración autonómica, en cooperación cos donos do inmoble afectado, debe acometer o baleirado e demolición do edificio.

Pero o rexedor foi máis aló, e instou á Xunta a adquirir os inmobles lindeiros co solar onde está a construír o albergue, para acometer unha actuación integral e facerse cargo da rehabilitación.

MEDIDAS URXENTES DE SEGURIDADE”

Pola súa banda, a Xunta de Galicia comunicou que, de acordo cos propietarios do inmoble de Praza do Peñasco 5, adoptará “medidas urxentes de seguridade” que serán “de aplicación inmediata”, en base ás indicacións do Concello, que é o que ten as competencias en materia urbanística.

Así, un técnico designado pola Axencia de Turismo de Galicia dirixirá o proxecto para “estabilizar as edificacións afectadas”. Entre outras medidas, detallaron fontes autonómicas, instalaranse apontoamentos provisionais, realizaranse accións preventivas e de protección para operarios e viandantes, colocarase sinalización de advertencia e desmontaranse elementos susceptibles de caída.

En todo caso, o goberno galego precisou que a obra de construción do albergue (que está paralizada de forma preventiva), “estaba a desenvolverse con normalidade” e conta con todos os permisos e licenzas oportunos.

Ademais, engadiron desde a Xunta, o desprendemento tivo lugar pola noite, cando a empresa construtora non traballaba na zona, e as causas poden estar relacionadas coas choivas das últimas semanas ou co estado de conservación do lugar.

ÚLTIMAS

Terremoto de magnitude 1,8 en Vilaboa

O Instituto Xeográfico Nacional (IGN) rexistrou un terremoto de magnitude 1,8 con epicentro na localidade pontevedresa de...

Sindicato de Inquilinas Vigo urxe vivenda pública e regular prezos ante a “alarmante realidade” dos desafiuzamentos

O Sindicato de Inquilina Vigo-Baixo Miño urxiu este venres a regulación dos prezos de aluguer...

Unha sentenza recoñece un exceso de horas traballadas dos bombeiros de Vigo e obriga ao Concello a compensalas

Unha sentenza firme do xulgado do contencioso administrativo número 1 de Vigo obriga ao Concello...

A Feira Navalia estreará na súa edición deste ano unha Zona de Innovación impulsada pola Zona Franca

A Feira Internacional da Industria Naval, Navalia, que celebrará a súa novena edición entre o 21...