InicioSociedadeA xornalista María Rey, nova madriña da Gran Recollida Solidaria do Banco...

A xornalista María Rey, nova madriña da Gran Recollida Solidaria do Banco de Alimentos de Vigo

Pide solidariedade e destaca que "é tarefa dos cidadáns" estar de parte dos que máis o necesitan.

PUBLICADO O

- Advertisement -

A xornalista viguesa María Rey, quen formou parte durante máis de 20 anos do equipo de Antena 3 Noticias e na actualidade presenta o magazín informativo ‘120 minutos’ en Telemadrid, recibiu este venres o seu chaleco de voluntaria despois de ser elixida como madriña da Gran Recollida Solidaria da Fundación Provincial Banco de Alimentos de Vigo.

Así, María Rey substitúe ao actor e humorista David Amor, quen o ano pasado foi o padriño desta acción solidaria, que nesta ocasión levará a cabo os próximos venres e sábado días 22 e 23 de novembro en 160 supermercados de toda a provincia de Pontevedra, así como en moitos outros de Galicia e de toda España.

Neste sentido, o presidente do Banco de Alimentos de Vigo, Pedro Pereira, destacou a “gran sorte” que ten a ONG de ter como madriña a unha “viguesa ilustre, ben coñecida ao longo de moitos anos nos medios de comunicación”.

Tras darlle as grazas pola súa solidariedade, Pereira chanceou dicindo que a pesar da gran carreira profesional de María Rey, “o máis importante que fixo na súa vida é ser a madriña de Banco de Alimentos de Vigo”. “Vainos representar e levar este chaleco, senón posto, no seu corazón sempre”, subliñou.

“MOI AFORTUNADA”

Pola súa banda, a xornalista mostrou a súa gratitude e considerouse “moi afortunada” de poder ser a madriña de Banco de Alimentos, xa que significa que “está ao lado bo”, porque ten a “sorte” de poder axudar e non de ter que pedir.

“Significa estar ao lado dos que tivemos máis sorte. Pero calquera podemos pasar ao outro lado. Aos que non se poden pór o chaleco senón que teñen que pedir axuda para pagar unha factura, a calefacción, as actividades dos seus fillos, para comer, para pagar o piso. É moi fácil pasar alén”, asegurou Rey.

Por iso, insistiu en que “é responsabilidade de todos” ser solidarios, e non se pode deixar só “en mans dos que dirixen os países”. “Non é só unha tarefa dos que gobernan. É unha tarefa dos cidadáns. Se estás deste lado tes que botar unha man”, reivindicou.

“É imposible pensar que non poidas atopar catro horiñas o vindeiro venres ou sábado para ser un deses 2.000 voluntarios que fan falta para recoller alimentos, ou unhas horas despois para clasificalos ou que non poidas axudar con algo”, indicou María Rey, tras o que solicitou a todos os cidadáns que acheguen a súa achega aos 160 supermercados onde estarán os voluntarios.

ALIMENTOS MÁIS NECESARIOS

O ano pasado, a ONG logrou recadar ata 330.000 quilos de comida na súa Gran Recollida, un “éxito” que podería repetirse, polo que serán necesarios ata 2.000 voluntarios para estar presentes non só en Vigo, senón tamén en Pontevedra, en Redondela, no Val Miñor, no Baixo Miño, en Lalín e na comarca do Salnés, entre outras localidades (coma cada ano).

Para ser voluntario do Banco de Alimentos hai que chamar ao 986263022 ou cubrir un formulario colgado na web. Entre os alimentos que máis se necesitan atópanse o leite, o aceite, o cacao, as galletas, así como as conservas de todo tipo ou os legumes en botes de cristal.

ÚLTIMAS

OPINIÓN.- O gran showman de Vigo

Aos seus 77 anos en Vigo existe un showman ao cal, despois de varias...

OPINIÓN.- Non hai tempo para reformas mornas

Óscar Lomba Álvarez O mundo está a arder, e non é só a calor do...

Desaloxan a Cidade da Xustiza de Vigo tras saltar a alarma por unha persoa fumando nos baños

A Cidade da Xustiza de Vigo foi desaloxada tras saltar a alarma de incendios por unha...

Vigo “mostrou a súa forza” no concerto reivindicativo do AVE directo a Madrid, di Caballero

O alcalde de Vigo, Abel Caballlero, asegurou este mércores que a cidade "mostrou a...