A Plataforma en Defensa da Ría de Vigo instou aos plenos municipais dos concellos a rexeitar a creación de máis recheos portuarios na baía viguesa, e urxiu a posta en marcha da Plataforma Loxística de Salvaterra-As Neves, para que o progreso do Porto non dependa de seguir gañando terreo ao mar.
Así o trasladou o presidente desta plataforma, Serxio Regueira, nunha rolda de prensa na que denunciou que a Autoridade Portuaria de Vigo “segue tramitando” obras de recheo na ría a pesar de ter “anulada a Delimitación de Espazos e Usos Portuarios”, sen ter en conta as consecuencias esas obras nos bancos marisqueiros, na dinámica de correntes, ou o impacto ambiental e “para as condicións de vida das persoas”.
Segundo criticou Regueira, o Porto xustifica esas actuacións na falta de espazo, a pesar de que “hai moitísimas empresas e instalacións” en terreos portuarios que “nada teñen que ver” coa actividade da terminal. “O Porto ten que ser un lugar de carga e descarga de mercadorías e pasaxeiros, cunha lonxa, e mesmo pode haber construción naval en terreos portuarios, pero non pode ser un almacén”, sinalou.
“Criamos que o tempo dos recheos xa estaba superado, pero parece que non é así”, lamentou e urxiu que se poña en marcha a Plisan, coas adecuadas conexións ferroviarias (tamén con liñas férreas a outros polígonos industriais), para que non se siga gañando terreo ao mar coa “escusa” de que fai falta máis espazo para que o Porto sexa competitivo. “Que tomen exemplo de Leixoes, que ten menos espazo pero cinco veces máis tráficos”, apostilou.
Por todo iso, a Plataforma en Defensa da Ría de Vigo reclamou aos Concellos onde hai terreo portuario e a aqueles cuxo saneamento estea conectado coa baía que se pronuncien nos seus respectivos plenos municipais en contra dos novos recheos proxectados (65.000 metros cadrados en Bouzas, outros 50.000 metros cadrados en Areal, e tamén os de Rande), e que así o trasladen ao Consello de Administración do Porto.
Finalmente, outro dos membros da plataforma, Eloy Piñeiro, cuestionou que o Porto de Vigo “presuma” da súa estratexia ‘blue growth’ de crecemento sustentable “cando ten un Plan de Usos anulado por falta de estudos de impacto ambiental”, fixo recheos “polas bravas” e non controla as verteduras en zonas como Rande.