Os candidatos do PP ao Congreso e ao Senado pola provincia de Pontevedra, Diego Gago e Javier Guerra, denunciaron este xoves os “incumprimentos” do goberno de Pedro Sánchez con Vigo, así como a “débeda” que mantén coa cidade en materia de infraestruturas.
Nunha rolda de prensa, o candidato número dous ao Congreso, Diego Gago, enumerou os proxectos que o Executivo central “atrasou” ou “paralizou “”, como o AVE por Cerdedo, a saída sur no Corredor Atlántico ferroviario, a construción dunha nova autovía entre Vigo e O Porriño, a supresión da peaxe en Redondela, a conversión en tramo urbano da AP-9 ao seu paso por Teis ou a mellora do abastecemento.
Gago lamentou que, ante eses “incumprimentos”, o alcalde socialista de Vigo, Abel Caballero, non esixiu ao Goberno central que cumpra os seus compromisos, e prometeu que o PP velará porque a cidade olívica teña as infraestruturas “que merece”.
A ese respecto, lembrou que, no últimos catro meses, os deputados do PP presentaron unhas 200 iniciativas na Cámara, mentres que o balance de actividade das deputadas viguesas do PSOE foi “cero”.
Pola súa banda, o candidato ao Senado e exconselleiro, Javier Guerra, centrou as súas críticas na “errática” política industrial e económica do goberno central socialista, e advertiu de que, para que funcione a economía, “é moi importante a estabilidade e a fiabilidade”, para favorecer os investimentos e implantación de proxectos.
A ese respecto, alertou contra quen “negan o que está por vir”, en alusión a unha inminente crise económica, e criticou que o Goberno de España “non se preocupe” dos problemas de sectores galegos como o naval ou a automoción, algo que, ao seu xuízo, si fai a Xunta.