Os grupos da oposición defenderon en comisión parlamentaria este xoves que a Xunta analice “a medio prazo” que o Servizo Galego de Saúde (Sergas) asuma a atención sanitaria de Povisa, petición que o PP rexeitou por “non estar de acordo coa iniciativa” presentada.
Na Comisión 5ª a deputada do grupo Común da Esquerda Eva Solla defendeu unha proposición non de lei para que o Parlamento instase á Xunta a estudar “a fórmula administrativa máis adecuada e favorable que permita ao Servizo Galego de Saúde asumir a atención sanitaria de Povisa, garantindo os postos de traballo e as prestacións sanitarias”.
No debate da iniciativa, Solla insistiu en que “a Xunta debe asumir a atención sanitaria dos veciños da comarca” viguesa e reivindicou que a compra de Povisa “por parte da Xunta era factible”.
Así, reprochou que existiu “un saneamento con diñeiro público dunha empresa que se sabía que se ía vender” e lembrou que se renovou o concerto con Povisa. “A medio prazo hai que estudar a reversión desta situación”, reclamou.
Ademais, admitiu que na actualidade, tras a “reestruturación” na área viguesa, “non hai capacidade no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo de asumir esa atención porque é un volume elevadísimo de cartillas”, uns 135.000 pacientes.
Nesta liña, a deputada de En Marea Paula Vázquez Verao lamentou que “nunca houbera unha fiscalización” coa empresa propietaria de Povisa e apostou por que o Sergas “analice a fórmula” e “vexa cal é a mellor forma de adquirir o hospital”.
En Marea presentou unha emenda para engadir á iniciativa, que foi aceptada polo Grupo Común da Esquerda, na que se recollía que o “Parlamento de Galicia insta á Xunta a presentar, no prazo máximo dun mes, un informe exhaustivo sobre as negociacións con Povisa para mellorar o seu concerto co Sergas en 2019 e os informes que o xustificaron”.
“TOTALMENTE DEPENDENTE”
Nesta liña, a deputada do BNG Montse Prado, que mostrou o respaldo do seu grupo á iniciativa, incidiu en que Povisa “é un hospital privado do que é totalmente dependente a área de Vigo”. “Non é subsidiario, senón que é imprescindible“, abundou.
Así mesmo, Prado criticou que por parte da Xunta “se lle permitiu absolutamente todo” a Povisa e incidiu en que “o 80 por cento da súa facturación procede de fondos públicos, dos impostos dos galegos” a través dos orzamentos do Goberno galego. “E o PP non ve necesario comprar un hospital para complementar a atención na área”, apostilou.
Por iso, a parlamentaria do BNG defendeu a “oportunidade” de “ver se aínda se pode comprar Povisa” e animou á Xunta “a dar pasos” nese sentido. “Hai que querer facelo”, sentenciou.
Mentres, o deputado do PSOE Julio Torrado animou “a ser realistas coa situación” e, tras admitir que “non é sinxelo asumir que 135.000 persoas poidan ser atendidas mañá no Cunqueiro”, apostou por ir “pensando que ao menor curto prazo posible” que eses pacientes “teñen que ser asistidos no sistema público”.
Deste xeito, avogou polo estudo de “medidas” para que “o sistema poida asumir” a eses 135.000 pacientes da área de Vigo adscritos a Povisa. “A partir diso, se é posible, poderiamos negociar a compra de Povisa”, afirmou Torrado. “Imos pensar que facer con Povisa a longo prazo”, matizou.
Fronte á oposición, o popular Aurelio Núñez Centeno, que expresou o rexeitamento do seu grupo –o maioritario na comisión– á proposición non de lei, por “non estar de acordo”, manifestou que o Servizo Galego de Saúde “esixirá aos novos propietarios do Hospital Povisa de Vigo o mantemento da calidade asistencial e dos postos de traballo neste centro sanitario”.
“Cremos na complementariedade público-privada na sanidade contemplada nas leis, estando de acordo coa Consellería na súa esixencia do mantemento da calidade asistencial e dos postos de traballo, así como no cumprimento do actual concerto”, concluíu.