O Grupo Común da Esquerda cualificou de “indecente” a venda de Povisa ao grupo Ribera Salud, “especialista no modelo privatizador da sanidade que se aplicou en Valencia”, e pediu á Xunta de Galicia que adquira este centro hospitalario e o incorpore á rede pública.
Así o manifestaron as deputadas Luca Chao e Eva Solla nunha rolda de prensa ofrecida este luns, na que a primeira delas asegurou que esta empresa “debe máis de 140 millóns á Comunidade Valenciana” e considerou “unha pésima decisión permitir que unha empresa destas características faga negocio coa saúde dos galegos”.
“O Goberno de Feijóo leva anos pagando un negocio privado con fondos públicos, que vai terminar nun suculento negocio privado a prezo de saldo. 22 millóns de euros por un hospital que recibe 84 millóns de euros ao ano polo concerto que ten co Sergas”, manifestou Luca Chao, que criticou que se volva á “socialización das perdas e privatización dos beneficios”.
A parlamentaria asegurou que o Grupo Común da Esquerda comparte as demandas dos traballadores de Povisa para que se garantan os seus postos de traballo e o cumprimento dos seus dereitos laborais, así como a incorporación do hospital á rede pública”.
TERMOS DO CONCERTO
Pola súa banda, Eva Solla lembrou que xa solicitou á Xunta os termos do último concerto sanitario e as contas do ano 2018, pero que o Goberno galego “nunca chegou a entregalos”.
Respecto diso, indicou que o seu grupo acaba de solicitar o informe da Comisión Nacional do Mercado de Valores sobre a propia venda, perceptivo para que se poida finalizar, en colaboración coa Marea de Vigo, unha auditoria das contas.
“Dado o valor patrimonial da empresa, consideramos que a Xunta se poderá facer cargo dela e dos seus traballadores”, manifestou Solla, que defendeu que a Xunta efectúe ou ben a compra ou a expropiación do hospital. “O que resulte menos gravoso para as arcas públicas”, apuntou.
ACTUAR “CON DECISIÓN”
Por outra banda, preguntado por este asunto, o portavoz parlamentario do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga, considerou que o Executivo autonómico debe “actuar con decisión” para garantir que “non existe diminución” das condicións sanitarias na área de Vigo e nin se prexudica a situación dos traballadores.
“Debería ter unha presencia –a Xunta– ante os novos propietarios para manifestar as esixencias e que estes dean garantías”, manifestou Leiceaga, que asegurou que este centro presta un “servizo público de enorme transcendencia”.
“O GOBERNO ESTARÁ VIXIANTE”
Pola súa banda, o portavoz parlamentario do PPdeG, Pedro Puy, lanzou unha mensaxe de “tranquilidade” e insistiu en que o Goberno galego “estará vixiante” e fará cumprir o convenio subscrito no seu día con Sanidade aos novos compradores do hospital privado vigués.
“O importante neste caso é que, desde o punto de vista sanitario e tendo en conta a importancia de Povisa para Vigo e a súa área, se cumpra cos niveis de calidade requiridos”, sinalou Puy, convencido de que a Xunta velará por que se cumpra o contrato subscrito en todos os seus termos.
“Con independencia de que a un lle gusten máis ou menos, no mundo son habituais este tipo de operacións”, indicou, antes de incidir en que, á marxe de que o Goberno galego garanta que se cumpra o concerto, a lei de garantías sanitarias permite aos pacientes, chegado o caso, elixir e optar “pola pública pura” que ofrece o Sergas no Hospital Álvaro Cunqueiro.