A Policía Local de Vigo rescatou na tarde deste luns unha iguana que estaba atrapada entre un enreixado e a porta dun local na cidade olívica. Segundo informou a Policía Municipal, os feitos sucederon ás 21,58 horas deste luns pola presenza dun lagarto de terrario no centro de Vigo.
“Comprobouse que había unha fermosa iguana atrapada entre un enreixado e a porta de acceso a un local, posiblemente este exemplar fuxira dalgunha vivenda”, destacou a Policía Local.
Por iso, axentes da UMIR fixéronse cargo da situación e rescataron “mediante unha coidadosa e meticulosa operación de manipulación do réptil” para liberalo do enreixado, na que estaba atrapado para, posteriormente, trasladalo a dependencias policiais.
Estaba previsto o seu traslado na mañá deste martes a dependencias de Cotobade (Pontevedra), ao non identificarse ao propietario por carecer de microchip. Aínda que as mesmas fontes incidiron en que “diminuíron notablemente” os casos de encontros con serpes, o pasado 7 de xullo, ás 21,22 horas, na parroquia de Saiáns avisouse dunha serpe nunha leira.
Ao lugar desprazouse unha dotación da UMIR que, mediante uso dos medios e “aplicando a formación recibida”, indicaron as mesmas fontes, procedeu a recoller o réptil, “que mostrou moita agresividade“. “Ben é certo que tal acción obedece a un mecanismo de defensa, dado que este exemplares -alevín de serpe escaleira de 1,10 centímetros- son totalmente inofensivos para o ser humano”, afirmaron as mesmas fontes.
Tras recollela, os axentes procederon a devolver o exemplar ao seu hábitat natural.