InicioPolíticaO deputado Abel Losada e a ex-ministra Espinosa, nos primeiros postos da...

O deputado Abel Losada e a ex-ministra Espinosa, nos primeiros postos da lista de Caballero para as municipais

A marcha do parlamentario autonómico para o Concello facilitará a entrada de Gonzalo Caballero á Cámara galega

PUBLICADO O

- Advertisement -

A ex-ministra Elena Espinosa e o deputado autonómico do PSdeG Abel Losada figuran no terceiro e o quinto posto, respectivamente, da lista que o alcalde socialista de Vigo, Abel Caballero, presentará para as próximas eleccións municipais do 26 de maio, segundo informaron fontes do PSOE local.

Coa saída de Abel Losada do Parlamento de Galicia –o regulamento do PSOE contempla que cada militante só poida ostentar un cargo– queda despexada a incógnita sobre que parlamentario autonómico facilitaría a entrada do secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, ao Pazo do Hórreo.

E é que o xefe de filas dos socialistas galegos concorreu no seu momento como número cinco da lista do PSdeG por Pontevedra nunhas eleccións autonómicas na que esta formación se fixo con catro escanos. O propio Gonzalo Caballero anunciou que formalizaría a súa entrada tras as eleccións municipais, polo que a saída de Losada deixa claro como se producirá a substitución.

Segundo precisaron estas fontes do PSOE local, a actual tenente de alcalde e presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, ocupa o número dous da candidatura de Abel Caballero, na que María José Caride (agora concelleira de Urbanismo) concorre no cuarto posto.

RESTO DA CANDIDATURA

A profesora da UVigo Ana Mejías, designada recentemente como vogal no pleno de Zona Franca de Vigo, figura no sexto lugar; seguida polo actual edil de Persoal, Javier Pardo. O concelleiro de Tráfico e Seguridade, Carlos López Font, está no oitavo posto da candidatura, e tamén repite na lista, agora no noveno lugar, o concelleiro de Facenda, Jaime Aneiros (que foi no posto 17 nos comicios de 2015).

No posto número 10 da candidatura, aprobada esta tarde por aclamación na asemblea da agrupación socialista viguesa, figura outra das ‘novidades’ da lista, Yolanda Aguiar, funcionaria do Concello olívico, quen fora man dereita de Dolores Villarino tanto no consistorio como despois, sendo xefa de gabinete da entón presidenta do Parlamento de Galicia. O seguinte nome na lista é o do actual edil de Deportes, Manel Fernández.

No posto 12 figura Patricia Rodríguez, que actualmente é asesora do alcalde; seguida por catro candidatos que son concelleiros na actualidade: Anxo Rivas, Nuria Rodríguez, Santos Héctor Rodríguez e Isaura Abelairas.

Os considerados postos de saída por corresponderse cos 17 concelleiros cos que goberna con maioría absoluta o PSOE este mandato complétanse con Gorka Gómez. A candidatura péchase con outro dez aspirantes.

PROGRESIÓN ASCENDENTE

A cabeza de lista e candidato á reelección concorreu por primeira vez ás municipais viguesas en 2007 e, con 9 concelleiros, pactou co BNG (que logrou 5 edís) un goberno de coalición. Na seguinte cita electoral, en 2011, a lista de Abel Caballero alzouse con 11 representantes e, nesa ocasión, os nacionalistas, aínda que apoiaron a investidura, rexeitaron reeditar o pacto, polo que o alcalde gobernou en minoría.

O rexedor socialista volveu gañar as eleccións locais en 2015, ‘arrasando’ co maior apoio obtido nunca por un candidato: unha maioría absoluta de 17 representantes. Nesas últimas eleccións municipais, o PP obtivo 7 concelleiros, e Marea de Vigo, 3 representantes.

Para a cita do próximo 26 de maio, Caballero xa vaticinou que volverá gañar e que conseguirá aínda máis apoio dos cidadáns de Vigo. Así, en varias ocasións aventurou que chegará aos 21 concelleiros, mentres que o PP quedará en 4, segundo os seus cálculos.

ÚLTIMAS

Detido en República Dominicana un home condenado por violar e gravar a unha moza en Vigo tras fuxir de España

A Policía Nacional de República Dominicana detivo nas últimas horas a Miguel Ángel Wilson, de...

Traballadoras de Protección e Reforma de Menores concéntranse ante a delegación da Xunta para reclamar condicións laborais dignas

Traballadoras do servizo de Protección e Reforma de Menores concentráronse este martes, convocadas polo...

Renuncia por motivos de saúde o concelleiro de Educación, Deportes e Mocidade de Redondela, Iván Valles

O concelleiro socialista do Concello de Redondela, Iván Valles, presentou a renuncia ao seu cargo...

Sogama acusa a Caballero de mentir sobre a subida do canon do lixo

O presidente de Sogama, Javier Domínguez Liño, acusou este luns ao alcalde de Vigo,...