InicioSucesosPiden 18 anos de cárcere para un home acusado de asasinar o...

Piden 18 anos de cárcere para un home acusado de asasinar o seu veciño cunha rozadora na Cañiza

Ao home, que será xulgado por un xurado, tamén se lle atribue o intento de asasinato da filla da vítima

PUBLICADO O

- Advertisement -

A Fiscalía pide un total de 18 anos de prisión para un home da Cañiza (Pontevedra), José Luís V.A., acusado de asasinar cunha rozadora ao seu veciño e de tentar asasinar á filla deste, e que será xulgado por un tribunal de xurado entre o 25 e o 29 de marzo na Sección Segunda da Audiencia Provincial de Pontevedra.

Segundo se recolle no escrito de acusación pública, o procesado, que se atopa en prisión provisional por estes feitos, e o seu veciño José Carlos “tiñan malas relacións de veciñanza” e, de feito, estiveron implicados en varios procedementos xudiciais “como consecuencia das mutuas agresións”.

Neste contexto, indica que o día dos feitos, 17 de xuño de 2017, o acusado atopábase limpando herbas cunha rozadora, cando saíron do seu domicilio José Carlos e a súa filla. Alí, “con intención de agredir ao seu veciño, aproximouse dirixindo a rozadora á cara” del e cernoulle o nariz.

A filla sacou o teléfono móbil para gravar o que pasaba e entón José Luís, sen darlle “tempo de reaccionar nin defenderse”, dirixiu a rozadora cara a ela, co que lle amputou un dedo, produciulle fracturas e causoulle “múltiples feridas”. Nese momento ela caeu e o home seguiuna atacando cando estaba no chan, causándolle máis lesións.

A continuación, José Carlos levantouse do chan e tentou fuxir á carreira, pero, ao velo, o acusado saíu na súa persecución. Por causas que se descoñecen, a vítima caeu ao chan e tratou de cubrirse a cabeza cos brazos, pero José Luís seguiu atacandoo.

FACULTADES MERMADAS

A Fiscalía entende que o acusado “era consciente de que atacando cunha rozadora podería causar a morte”, aínda que, de acordo co informe do médico forense, tiña as súas facultades volitivas (que dominan os impulsos) afectadas de maneira severa e as intelectivas (que permiten distinguir o que está ben do que está mal) con “unha diminución polo menos moderada”.

Por estes feitos, a fiscal pide que o home sexa condenado por un delito de asasinato e outro de asasinato en grao de tentativa, aínda que aplica unha atenuante moi cualificada referida a que, “ao tempo de cometer a infracción penal, por mor de calquera anomalía ou alteración psíquica”, o acusado non podía “comprender a ilicitude do feito ou actuar conforme a esa comprensión”.

Neste marco, reclama que o home sexa penado con 12 anos de prisión polo asasinato do home e 6 máis polo asasinato en grao de tentativa da súa filla. Tamén solicita que se lle prohiba comunicarse e aproximarse a menos de 200 metros dos parentes de ata segundo grao de consanguinidade de José Carlos durante 18 anos.

Como consecuencia das graves feridas inflixidas polo acusado, a filla da vítima padece numerosas secuelas, e está pendente da súa sanación total. Así mesmo, o outro fillo do falecido sofre tensión postraumática e atópase en tratamento.

O ministerio público reclama que a familia sexa indemnizada segundo os baremos recolleitos na Lei de Responsabilidade Civil e Seguro na Circulación de Vehículos a Motor, e na lei 35/2015, “incrementados nun 40 por cento, en atención ao carácter doloso e as circunstancias da morte da vítima.

ÚLTIMAS

A Xunta acorda a expropiación de case 15 hectáreas de monte comunal en Mos para a cidade deportiva do Celta

O Diario Oficial de Galicia (DOG) recolle este luns a resolución da Consellería de...

Vigo reclama unha AP-9 pública, galega e sen peaxes e pide anular a última prórroga da concesión

O Pleno do Concello de Vigo aprobou este luns unha moción do BNG na...

Confirmadas as penas de cárcere para tres homes que cobraron 15.700 euros por unha reforma en Vigo que non chegaron a executar

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) desestimou os recursos de apelación interpostos...

O Goberno vigués insiste en que Xunta e Deputación tamén axuden a financiar voos en Peinador

O Pleno do Concello de Vigo aprobou este luns, por oitava vez no que...