O alcalde de Vigo, Abel Caballero, afirmou que non fixou “ningún prazo” para a presentación das listas do PSdeG-PSOE para as eleccións municipais do próximo 26 de maio, xa que, segundo subliñou, traballa con vista a “8 ou 12” anos máis.
Preguntado este luns tras unha rolda de prensa en Vigo, o rexedor lembrou que “o proceso electoral de eleccións municipais arrinca a finais de marzo” e apuntou que o prazo de presentación de candidaturas estará aberto ata finais de abril, en concreto, ata o día 22. Mentres, as listas para as eleccións municipais serán ratificadas polo partido o próximo 6 de abril.
Aínda que defendeu a importancia dos períodos electorais para a democracia, insistiu en que a súa prioridade é o desenvolvemento da cidade a longo prazo.
Tras dar por sentado que revalidará o seu liderado á fronte da Alcaldía da cidade olívica, reiterou que actúa “co criterio do seguintes oito ou doce anos” –é dicir, das próximas dúas lexislaturas–, polo que aínda non se centrou na confección das listas do seu partido para os comicios de maio.
De feito, Abel Caballero resaltou que, na súa opinión, “o concepto de cidade está por encima” de “os tempos electorais”. Precisamente, este fin de semana a Comisión Federal de Listas do PSOE de Pedro Sánchez ratificou as candidaturas das grandes cidades nas que non goberna este partido.