O alcalde de Vigo, Abel Caballero, avanzou que a aerolínea Air Nostrum, filial de Iberia, ofrecerá unha conexión directa entre a cidade olívica e París desde o vindeiro domingo 24 de marzo ata finais de outubro.
Nunha rolda de prensa celebrada este venres na urbe galega, detallou que este servizo se realizará tres veces por semana, unha conexión que non se ofertaba desde o abandono de Peinador por Air France en 2017. Así, os vigueses poderán desprazarse á terminal francesa de Charles de Gaulle os mércores, venres e domingos.
Preguntado polos medios, negou que se negociaron novas rutas coa aerolínea ‘low cost’ Ryanair, aínda que asegurou que se tentará “repor” as rutas que operaba esta compañía en Peinador, entre as que se atopaban conexións con Italia, Reino Unido e Barcelona.
Noutra orde de cousas, o alcalde acusou á Xunta de custear o servizo de autobús entre Santiago e o aeroporto de Lavacolla e non o que conecta Vigo e Peinador. Mentres, a Administración autonómica asegurou que ofreceu a mesma subvención para ambas as liñas, pero que o Concello da cidade olívica rexeitouna “” a diferenza do da capital galega.
Nun comunicado, a Xunta destacou que o uso do Cartón de Transporte Metropolitano permite que o custo do uso do autobús para viaxar ao aeroporto de Santiago sexa de 86 céntimos de euros, mentres que a proposta do Concello vigués– que rexeitou adherirse ao plan de transporte autonómico– ascende a dous euros por traxecto.
Ademais, o Executivo galego lembrou que a titularidade da liña que conecta Vigo e o aeroporto de Peinador é municipal, mentres que a que une Santiago e Lavacolla será autonómica ata que finalice este ano.
Por outra banda, o alcalde criticou a proposta da Xunta de dotar ao aeroporto de Vigo dunha oficina de turismo e que os gastos derivados da mesma fosen asumidos por esta entidade. Así, lembrou que xa existe este servizo na terminal e que o seu custo é sufragado pola Deputación de Pontevedra.