Chis Oliveira e Amada Traba son as autoras de ‘ám@me’ (Editorial Galaxia, 2018), ensaio de enfoque multidisciplinar que analiza o amor como “un plural, un poliedro amoroso”, e profundiza nos riscos do coñecido como ‘amor romántico’.
Así que conversamos coa socióloga Amada Traba sobre as relacións de parella, as presións do capitalismo na sociedade moderna ou novas tendencias como o famoso ‘poliamor’. Como a súa co-autora, vén de presentar este ensaio na Casa del Libro xunto con Oliveira e a premiada escritora Iolanda Zúñiga, cunha conversa baixo o lema ‘E iso que chamamos amor…que vén sendo?’
P- Que hai detrás do ‘amor romántico’?
R- O romanticismo foi un movemento artístico moi interesante, pero o que denominamos “amor romántico”, é o que levan formando durante os últimos 50 anos as industrias culturais, e seguen mandando mensaxes de maneira moi pertinaz sobre o papel das mulleres e os homes no amor, idealizando as relacións de parella, e temos na psique determinados mandatos, como o de ser nai.
O amor é moi importante, pero non podemos xerarquizar sobre as demais as relacións sexualizadas, de parella, porque estamos comprando moitos boletos para que todo vaia moi mal. Ese sentir que estamos incompletos e precisamos unha media laranxa… Unha relación romántica así rara vez vai ser equitatativa.
As amizades son moito máis ‘pactadas’, están claros os límites. Pero na parella con moita facilidade se chega a situacións de control e dominación.
P- Ademais, coido que unha persoa pode ser moi distinta en distintos contextos, e tratar con respecto ás amizades mentres é tiránica cos pais ou a parella, por exemplo.
R- Isto é o que ocorre sempre cando se descobre un novo caso de violencia machista, que o seu círculo se sorprende. E a sociedade converteu á parella nun círculo moi pechado, a través do cal é moi difícil ver nada.
P- Outro erro do que tenden a advertir os psicólogos é que ter fillos non ten por que arranxar unha relación con problemas.
R- Pénsase que ter fillos as consolida, pero cando estas non funciona ben é simplemente o desencadeante de máis conflitos, porque os fillos supoñen novas responsabilidades e cesións.
P- E que opina do avance, sobre todo entre os máis novos, de novas tendencias como as relacións abertas, o ‘poliamor’?
R- Polo momento, é un proceso que non temos moi claro a onde leva, pero xa sabemos que non está exento de riscos. Toda transformación require reflexión, o importante é facernos preguntas.
E nas relacións poliamorosas as persoas non están na mesma situación, quedan pousos de loita pola exclusividade, celos… Unha relación grupal e aberta na que unha persoa nos ofrece o afecto, outra a satisfacción sexual… Isto non é equitativo, e hai quen non se vai sentir ben con todo iso.
Ademais de que corremos or risco de converternos en pezas substituíbles nun engranaxe de consumo, para a satisfacción inmediata de necesidades. Unha relación por efémera que sexa debe ter un afecto. Isto non significa que non poida haber sexo sen amor, polo que en tempos se dicía ás mulleres que eran ‘putas’, pero debe haber empatía, consentimento, e o mínimo afecto: o que fas cunha persoa, a súa sexualidade, sentimentos e emocións, sempre importa.
P- E, en canto aos riscos da relación monógama, cabe a posibilidade de que esta se convirta nun núcleo moi pechado?
R- Hai un concepto denominado homosocialidade, a tendencia a establecer amizades con suxeitos do mesmo sexo. Os homes adoitan ter ‘colegueo’, e compartir as oportunidades de éxito, e nas mulleres as conversas e interaccións son máis íntimas.
Pero, cando estás nunha relación de parella, a miúdo vives nunha burbulla, e hai un afastamento mutuo coas amizades, por falta de tempo por unha banda, sensación de ‘estar molestando’ pola outra… Déixase de chamar, quedando todo o tempo para a relación de parella.
E hai moitas mulleres que ata entenden o control como unha maneira de amor, algo que non acontece por casualidade, senón polo ben do capitalismo. A muller por amor deixa de facer moitas cousas, se lle pide que sexa xenerosa, porque o capitalismo é moi voraz.
P- É a muller a máis afectada polas relacións de parella tradicionais?
R- A parella monógama, tal e como está montada, a quen máis afecta é á muller, porque o coidado recae sobre todo en elas, e a exclusividade do amor é moi importante porque o esforzo de coidar é tan intenso e extenso que se non fora por amor non o farían, non habería recompensa coa que pagar iso.
O desgaste de ter fillos é moi grande, e tamén o de traballar nas condicións do capitalismo. Porque o sistema ten en mente aínda ao traballador clásico dos 50 e 60, que cando chegaba a casa se atopaba co pantalón dobrado, a cea feita…
P- A natalidade das galegas e españolas é cada vez máis baixa. Como se explica este fenómeno? Pode cambiar a estatística?
R- Cando as mulleres teñen traballo fixo e boas condicións si teñen fillos. Pero a sociedade non recoñece o traballo reproductivo, non hai recoñecemento e redistribución. E as cousas serán aínda peores, co avance do neoliberalismo, cando perdamos a sanidade pública.
A baixada da natalidade ten que ver coa chegada da muller ao mercado laboral e tamén a falta de conciliación, que non existe en España, como apuntou a filósofa Carolina del Olmo. E desapareceron os lazos afectivos solidarios nas comunidades humanas. O individualismo é a maneira actual de ver o mundo.
Antes, a xente que se incorporaba ás cidades desde o rural traía unha mentalidade colectiva. Pero co individualismo ningúen se responsabiliza de ninguén, convértenos en seres vulnerables que resolvemos as necesidades pagando, seres amedrentados, temos medo ao sistema.
P- A boa comunicación é un importante aspecto para que unha relación sexa sana, pero ás veces resulta compricado lograla.
R- Palabras como compromiso poden ter distintos significados. Por iso é moi importante a comunicación. Hai investigacións que defenden que as mulleres, polos procesos de socialización ás que somos sometidas, si falamos dando palabras aos nosos sentimentos, pero aos homes, aínda que sexan faladoiros, se lles ensina durante a vida que falar “os fai vulnerables”. Os homes, polo xeral, comunican menos, polo que é importante educar aos nenos para que desaprendan isto.