InicioSociedadeComeza a destaparse a realidade dos bombeiros en Vigo: vacacións negadas, quendas...

Comeza a destaparse a realidade dos bombeiros en Vigo: vacacións negadas, quendas dobres, efectivos insuficientes…

O conselleiro de Seguridade asegura que o persoal chegará a 142 bombeiros nun par de anos.

PUBLICADO O

O colectivo de bombeiros de Vigo denunciou este martes que a escaseza de efectivos no servizo fai imposible cumprir o decreto que establece a dotación mínima nos parques municipais, como xa adiantou Xornal de Vigo, á vez que lamentaron o “descoñecemento” da situación deste servizo por parte do concelleiro de Seguridade, Carlos López Font.

Despois de que a ausencia de varios bombeiros obrigase a pechar o parque de Balaídos durante unha quenda a pasada semana, e de que o goberno local anunciase a apertura dun expediente informativo, os bombeiros saíron ao paso para aclarar que a ausencia deses compañeiros está xustificada medicamente.

A ese respecto, o portavoz do colectivo, Gerardo Fernández Costa, advertiu de que, nesa quenda, hai 10 bombeiros de baixa, aínda que non todas as baixas se iniciaron ao mesmo tempo, e lamentou que o anuncio de apertura do expediente pode inducir a pensar que son os propios profesionais os que queren boicotear o servizo.

Bombeiros vigueses/ Miguel Núñez

Fernández Costa lembrou que o déficit de persoal (que cifran en polo menos 50 efectivos) provocou problemas desde hai tempo e que, de feito, os bombeiros negáronse a facer horas extraordinarias desde o pasado novembro porque “se estaban pagando esas horas por baixo do que marca a lei”. Esta situación provocou que “se estén negando vacacións” e mesmo obrigando a dobrar quendas (48 horas de traballo).

Bombeiros vigueses/ Miguel Núñez

Por outra banda, os bombeiros tamén cuestionaron que a seguridade e atención estea garantida cos efectivos dispoñibles, e lembrou que, ata 2010, esa cobertura mínima prestábana 26 bombeiros. A partir dese ano, “alegando que, cos parques comarcais, os bombeiros xa non terían que saír de Vigo, cousa que non é certa”, baixouse o número mínimo a 20 efectivos.

Bombeiros vigueses/ Miguel Núñez

Segundo denunciaron, non está garantida a presenza de 20 bombeiros nos parques municipais vigueses durante todo o ano, como así establece o último decreto aprobado. Ademais, lembrou que as recomendacións da UE establecen un ideal dun bombeiro por cada mil habitantes (en Vigo tería que haber case 300 e son ao redor dun centenar).

Finalmente, tamén se referiron ao anuncio do goberno local da inmediata incorporación, en febreiro, de 12 bombeiros que acaban de aprobar a oposición. “Non é certo, porque antes de incorporarse ao servizo deben pasar por uns cursos e prácticas”, incidiu Gerardo Fernández Costa, quen convidou a López Font a reunirse co colectivo para coñecer a verdadeira situación do persoal.

Bombeiros vigueses/ Miguel Núñez

Pola súa banda, o concelleiro de Seguridade, e en resposta a preguntas dos medios sobre esta cuestión, volveu a insistir en que o peche do parque de Balaídos foi un feito puntual, e insistiu en que o persoal crecerá con 12 novos efectivos en próximos días. A eles sumaranse os bombeiros que saian das ofertas públicas de emprego pendentes, e o persoal alcanzará, “nun ou dous anos”, os 142 efectivos, segundo asegurou.

Carlos Lopez Font reiterou que, pese ao déficit de bombeiros, “as necesidades en materia de emerxencias están totalmente cubertas” e que, tras a “incidencia” do peche de Balaídos, “volveuse á normalidade”.

López Font/ Miguel Núñez

En todo caso, o edil socialista admitiu que non sempre se cumpre o mínimo de 20 efectivos dispoñibles nos parques de bombeiros vigueses. Ao seu xuízo, “con 16 bombeiros cúbrese unha primeira saída en cada un dos parques”, e o resto de días o número “aproxímase a 20”.

López Font/ Miguel Núñez

ÚLTIMAS

Asistidas un pai e a súa filla en Vigo tras producirse un incendio na súa vivenda

Dúas persoas, un pai e unha filla, necesitaron asistencia en Vigo este xoves tras producirse...

Emilio Sotelino ou a Asociación de Viúvas Demócratas entre os Vigueses Distinguidos 2024

O pleno de Vigo aprobou este luns por unanimidade nunha sesión extraordinaria os novos Vigueses...

O goberno de Vigo aproba o marco orzamentario ata 2027 e prevé investimentos por valor de 33 millóns cada ano

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou que o goberno local aprobou o marco...

Pechados parques e espazos arbóreos da cidade de Vigo debido ao temporal

O Concello de Vigo restrinxiu por seguridade o acceso aos parques e espazos arbóreos...