InicioVigo e contornaVigoA comisión do Marisquiño ve "intolerable e deleznable" a actitude do Concello

A comisión do Marisquiño ve “intolerable e deleznable” a actitude do Concello

Alberto Pazos, presidente da comisión sobre o accidente, critica que o goberno municipal non lles facilite a documentación precisa para a investigación e pide que as autoridades se "poñan as pilas". Ve necesario buscar explicacións alén das responsabilidades penais.

PUBLICADO O

- Advertisement -

O portavoz da comisión de investigación do accidente do festival O Marisquiño no Parlamento de Galicia, Alberto Pazos, sostivo este venres en Vigo que a actitude do Concello olívico é “intolerable e deleznable” no que se refire ao feito ocorrido o pasado agosto no paseo das Avenidas.

“Intolerable, porque foi o propio Concello de Vigo o que se negou a crear unha comisión de investigación deste asunto na cidade; e deleznable, porque se negou reiteradamente a escoitar ás vítimas e porque nega ao Parlamento de Galicia unha información que en virtude da lei de transparencia debería ser de acceso libre para calquera cidadán”, aseverou.

Deste xeito, Alberto Pazos instou ao alcalde de Vigo, Abel Caballero, a “que se poña as pilas” e colabore con toda a investigación sobre o accidente do Marisquiño, que deixara uns 467 feridos

Á súa vez, acusouno de incumprir o “código de bo goberno” da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) da que é presidente. “O alcalde de Vigo e algúns dos seus concelleiros están demasiado nerviosos e pedímoslles un pouco de mesura; que se centren en defender os dereitos das vítimas do accidente e en coñecer a verdade e un pouco menos en atacar o Parlamento”, apuntou.

Pazos trasladou que a xustiza dirimirá as “responsabilidades penais” do accidente, pero considerou que as institucións teñen que “tomar as medidas necesarias” para que isto “non volva ocorrer en ningún punto da xeografía galega”. “Non é normal que se afunda un paseo durante un concerto e esa situación necesita unha explicación máis aló das responsabilidades penais”, salientou o popular.

O portavoz da comisión parlamentaria estivo acompañado este venres na sede o Partido Popular en Vigo polas deputadas Teresa Egerique e Marián García.

DOCUMENTACIÓN

Respecto da documentación solicitada desde a comisión, o portavoz da mesma manifestou que están á espera de que Portos do Estado lles diga se lles facilitará os datos requiridos.

Así mesmo, Pazos explicou que o delegado de Zona Franca en Vigo, David Regades, trasladou á comisión que os seus membros poden consultar a documentación na súa sede e, por iso, instouno a ofrecela “dun modo máis operativo”.

Neste sentido, asegurou que “o Concello de Vigo négase categoricamente a facilitar a documentación solicitada”. “Ningunha das institucións gobernadas polo Partido Socialista está a prestar a súa colaboración a esta comisión do Parlamento de Galicia, observamos unha clara actitude de bloqueo que resulta lamentable”, agregou.

PRÓXIMOS CITADOS

Alberto Pazos recordou a “obrigación legal” dos citados a comparecer ante a comisión de investigación e indicou que, en caso de non facelo, deberán enfrontarse a “sancións penais”. “Esperamos que haxa unha máxima colaboración por parte de todo o mundo e que o Parlamento non se vexa abocado a tomar decisións complicadas neste sentido”, sostivo, en referencia a “persoas que estean a intentar entorpecer” o labor da Cámara autonómica.

O vindeiro martes, día 15, están citados os portavoces dos grupos da oposición no Concello de Vigo, Elena Muñoz do PP e Rubén Pérez de Marea de Vigo. Xa o xoves, día 17, comparecerá Carlos Príncipe, exalcalde da cidade olívica e asinante do convenio ‘Abrir Vigo ao mar’, así como distintas asociacións.

“Na última semana de xaneiro comezaremos con técnicos municipais e da Autoridade Portuaria de Vigo, así como de técnicos externos”, informou Pazos. A partir do 14 de febreiro chegará a quenda dos responsables políticos de distintas áreas do Concello de Vigo e o martes, día 19, está citado o alcalde, Abel Caballero. Posteriormente, xa o día 21, comparecerá o presidente do Porto, Enrique López Veiga.

Nas datas sucesivas acudirán á comisión os responsables da Xunta. O 5 de marzo está previsto que terminen as comparecencias coa do vicepresidente do Goberno galego, Alfonso Rueda.

TRES COMPARECENCIAS

Pola comisión de investigación do accidente do Marisquiño, da que se descolgou o PSdeG, pasaron antes de que terminase o ano o director da Axencia Galega de Emerxencias (Axega), o xerente da EOXI de Vigo, Félix Rubial, e un representante das vítimas. Sobre estes último Pazos criticou os “descualificativos” que sufriu por parte “do único partido político que se negou a escoitar ás vítimas”, en alusión ao PSDEG.

“O director de Axega achegounos novidades bastante sorprendentes, como que non se activou o plan de urxencias municipal despois do accidente e que iso, evidentemente, impide que se active o plan de urxencias a nivel galego. Ou que o Concello de Vigo non ten a disposición da Axencia Galega de Emerxencias un teléfono de contacto fose do horario de atención ao público”, destacou o portavoz da comisión parlamentaria.

ÚLTIMAS

Caballero saca peito e di que Vigo é un “modelo turístico en España”

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, celebrou que a cidade "continúe sendo un modelo turístico...

O BNG de Vigo pide limitar o uso de petardos no Fin de Ano polos “prexuízos” a animais e persoas maiores

O BNG de Vigo demandou ao goberno local que emita un bando para limitar...

Auxilian en Vigo a un home de 50 anos que entrou en parada cardiorespiratoria en plena rúa, resultando falecido

Os profesionais de emerxencias auxiliaron na tarde deste xoves en Vigo a un home duns...

Comisan en Ecuador máis dunha tonelada de cocaína que tiña como destino o porto de Vigo

A Policía Nacional de Ecuador comisou, en Guayaquil, máis dunha tonelada de cocaína nun colector que...