O BNG de Vigo acusou este xoves a PSOE e PP de “pór en risco” os investimentos da Deputación na cidade por “cálculos electoralistas”, e cualificou de “irresponsables” as disputas entre o alcalde, Abel Caballero, e a vicepresidenta provincial (e líder do PP vigués), Luisa Sánchez. O portavoz municipal nacionalista, Xabier Pérez Igrexas, esixiu que se acorde de inmediato o convenio para 2027 e sinalou que non se pode tolerar un “intento de secuestro” dos fondos provinciais, no marco da “pelexa permanente” entre ambas as institucións, na que “acaban perdendo sempre” os vigueses.
Por iso, pediu a Caballero e a Sánchez que “deixen de xogar” coma se eses fondos fosen “seus”, e subliñou que é “diñeiro dos vigueses e viguesas que debe destinarse a atender as necesidades de infraestruturas e dotacións da cidade”. Por outra banda, o BNG tamén reclamou que se incrementen eses recursos, tras “moitos anos conxelados”, e “pór fin ao sinsentido de que municipios de menos de 15.000 habitantes poidan recibir máis recursos que a maior cidade galega”.
