InicioPolíticaVigo precinta a pantalla da Deputación para ver o España-Bélxica por falta...

Vigo precinta a pantalla da Deputación para ver o España-Bélxica por falta de permisos municipais

O Concello asegura que a instalación carecía da declaración responsable esixida para espectáculos públicos, mentres a Deputación acusa a Abel Caballero de “sectarismo”.

PUBLICADO O

- Advertisement -

A Policía Local de Vigo precintou este venres, por orde da Concellería de Seguridade, a pantalla que a Deputación de Pontevedra estaba a rematar de instalar na Praza da Estrela para seguir o partido da selección española de fútbol. Segundo informou o Concello, a pantalla carecía dos permisos municipais necesarios para a celebración dun espectáculo público nun espazo aberto.

O goberno local explicou que este mesmo venres trasladou á Deputación e ao Porto de Vigo, xa que a Praza da Estrela é terreo portuario, que para instalar “unha pantalla cinematográfica” na que proxectar o partido era preciso cumprir a normativa vixente da Xunta sobre espectáculos públicos, actividades recreativas e establecementos abertos ao público.

O CONCELLO DEFENDE QUE ERA NECESARIA UNHA DECLARACIÓN RESPONSABLE

Nun comunicado, o Concello sinalou que se viu na obriga de lembrarlles ás dúas administracións que a celebración dese espectáculo público está suxeita ao réxime de declaración responsable, que debe recibir e comprobar a administración municipal no exercicio das súas competencias. Segundo o goberno local, esa declaración permite verificar que a actividade cumpre os requisitos de seguridade, accesibilidade e salubridade.

Ademais, a instalación debía ir acompañada de documentación técnica relativa á estrutura desmontable, neste caso a pantalla. O Concello lembrou tamén que, cando en xullo de 2024 a Deputación instalou unha pantalla no mesmo lugar para ver a final da Eurocopa, xa lle enviara un requirimento nos mesmos termos.

A DEPUTACIÓN ACUSA AO ALCALDE DE “SECTARISMO”

Ante a falta de autorización municipal, a Policía Local precintou a pantalla ao mediodía. A medida foi duramente criticada pola vicepresidenta provincial, Luisa Sánchez, que atribuíu a orde ao “sectarismo” do alcalde, Abel Caballero. Sánchez cuestionou que o goberno local dea “leccións de seguridade” e lembrou a situación da concelleira responsable desa área, Patricia Rodríguez, investigada por un homicidio imprudente tras o accidente ocorrido no Saltamontes en agosto de 2024. A vicepresidenta provincial sinalou que aquela atracción estaba a funcionar sen autorización e non foi precintada malia carecer de permiso.

“Os mesmos que non cumpren os servizos mínimos de bombeiros, os que teñen en cadro a Policía Local ou os que están a permitir que outros eventos na cidade comecen sen ter concedidos todos os permisos”, engadiu. Fontes da Deputación aseguraron que a documentación e a declaración responsable foron entregadas “a tempo”, pero que a resposta do Concello foi enviar oito axentes da Policía Local con orde de precintar e desmantelar a pantalla, que finalmente foi retirada. Desde a institución provincial sinalan que esta situación non se producira en 2024, cando se puido seguir con normalidade a final da Eurocopa no mesmo emprazamento. Segundo esas fontes, daquela Luisa Sánchez xa era vicepresidenta da Deputación, pero aínda non fora elixida líder do PP de Vigo.

O BNG IRONIZA SOBRE A “AXILIDADE” DO CONCELLO

Tamén se pronunciou o portavoz municipal do BNG, Xabier Pérez Igrexas, que publicou unha mensaxe na rede social X na que ironizou sobre a “axilidade e dilixencia” do goberno local para ordenar o precinto da pantalla. O edil nacionalista comparou esa rapidez coa que, ao seu xuízo, faltou en agosto de 2024 para precintar unha atracción que estaba a funcionar sen permiso e na que acabou perdendo a vida un veciño de 36 anos. Coa pantalla da Deputación desmontada, a única gran pantalla na que os vigueses poderán seguir o partido entre España e Bélxica será a instalada polo propio Concello no auditorio de Castrelos.

ÚLTIMAS

Empregados de Vitrasa denuncian a “imposibilidade” de cumprir os “obsoletos” horarios que xeran “atrasos” en buses, especialmente durante o Nadal

O comité de empresa de Vitrasa, a concesionaria do transporte urbano de Vigo, denunciou...

Abel Caballero di que Vigo “arrastrará” a Xunta e deputación para que a cidade “sexa mundialista”

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, afirmou este luns que Vigo será mundialista porque...

Carmela Silva (PSdeG) critica ao PP porque “nunca confiou nin axudou” a Vigo

A candidata do PSdeG ao Senado pola provincia de Pontevedra e primeira tenente de...

José Couñago encabezará a candidatura socialista á Alcaldía de Mos nas eleccións locais de 2027

José Couñago encabezará a candidatura do PSdeG-PSOE á Alcaldía de Mos nas próximas eleccións...