InicioSociedadeO goberno reafirma o apoio á concelleira de Seguridade tras o accidente...

O goberno reafirma o apoio á concelleira de Seguridade tras o accidente do Saltamontes

PP e BNG censuran que o alcalde se "esconda" para non dar explicacións e o PSOE táchaos de "miserables".

PUBLICADO O

- Advertisement -

O goberno municipal de Vigo tombou, coa súa maioría absoluta no Pleno, a moción presentada polo PP para reclamar a comparecencia do alcalde, Abel Caballero, en relación coa imputación da concelleira de Seguridade por un posible homicidio imprudente (polo accidente mortal do Saltamontes ocorrido en agosto de 2024).

Así, a proposta do PP era instar o alcalde a comparecer ante o órgano de representación municipal para dar explicacións “ás que politicamente está obrigado”, despois dun accidente que custou a vida a un veciño da cidade, nunha atracción que non contaba con autorización e que non foi precintada, e cunha concelleira, a responsable de Seguridade, Patricia Rodríguez, imputada xudicialmente. A portavoz do grupo, Luisa Sánchez, lamentou que o rexedor non estivese este luns na sesión plenaria (asistiu en Madrid á reunión da Comisión Executiva Federal do PSOE), e que tampouco compareceu no pleno extraordinario do pasado 19 de xuño polo caso Saltamontes, ao suprimir a súa comparecencia da orde do día.

“Ante a morte dun veciño e a imputación da concelleira, escóndese, o mesmo que ten tanto apego polos micrófonos“, constatou Luisa Sánchez, que lamentou a “covardía política” de Abel Caballero, que tampouco “se reuniu aínda” coa familia do mozo falecido na atracción. “É inconcibible que haxa unha concelleira imputada, que non dimita, e que ninguén dea explicacións. O alcalde debería estar aquí, e non só comparecer para festas e fogos artificiais”, afirmou a líder do PP, que tamén afeou que os edís do goberno local pechen filas en torno ao alcalde e a Patricia Rodríguez, todo para “para protexer ao amado líder, por encima de Vigo”.

O BNG, pola súa banda, presentou unha emenda, que foi aceptada polos ‘populares’, para pedir a “reprobación” do rexedor e a súa xestión. O portavoz do grupo nacionalista, Xabier Pérez Igrexas, pediu, sen éxito, que este debate servise para que o PSOE se desculpase pola súa actuación no pleno extraordinario sobre o accidente do Saltamontes, no que o portavoz do goberno tivo unha “actuación politicamente miserable e repugnante a nivel humano”, por dedicarse a falar de enquisas electorais en lugar de dar explicacións.

“Foi lamentable, retrata o nivel de degradación política, ética e humana”, proclamou, e lembrou que son xa case 700 días sen dar esas explicacións, sen crear unha comisión de investigación, ou mesmo culpabilizando á comisión de festas e á propia Policía Local. O portavoz nacionalista tamén afeou a ausencia do alcalde da sesión plenaria sen motivo xustificado, máis que ir a Madrid para facer “de palmeiro do seu xefe”.

“MOCIÓN DA CARROÑA”

Pola súa banda, o portavoz do goberno local, Carlos López Font, definiu a proposta do PP como “moción da carroña” e tachou de “miserables” aos grupos da oposición por “xogar coa dor allea”. “Son o máis indigno da política“, sentenciou. O edil socialista, tras volver reclamar respecto pola presunción de inocencia e pedir deixar que traballe a Xustiza, reiterou que esas esixencias de PP e BNG son “produto da frustración e a desesperación”.

Font lembrou que, ante situacións similares, houbo cargos do PP que non dimitiron, e reafirmou o apoio do goberno local a Patricia Rodríguez, “unha magnífica concelleira, imprescindible no goberno de Vigo”. “O PP e o BNG non nos van a dar leccións. Este goberno é honrado, traballador e recoñecido pola cidade”, proclamou.

UN POEMA E UNHA MENSAXE DE APOIO: “CONTAS CONNOSCO”

Tras o debate, e antes da votación, a tenente de alcalde, Carmela Silva, que foi a encargada de presidir o pleno ante a ausencia de Caballero, trasladou unha mensaxe de apoio á concelleira de Seguridade. “Querida Patricia, contas co apoio do grupo, co noso afecto e consideración. Sabemos do teu traballo, dedicación ao servizo público e que aplicas a lei ata as últimas consecuencias”, sinalou Silva.

A tenente de alcalde referiuse tamén a episodios como os do Yak-42, Metro Valencia ou as residencias de maiores de Madrid durante a pandemia de Covid. “Aí si se fixeron as cousas mal, e nin unha dimisión”, remarcou, antes de repetirlle a Patricia Rodríguez: “Contas connosco”.

Finalmente, dedicou algúns versos do poema ‘Xente necesaria’, do arxentino Hamlet Lima Quintana, á edila de Seguridade, á que advertiu de que “o que pasou aquí” é que hai xente “que nin sequera debe abrir a boca, porque todo o enturba, todo o envenena, todo o enche de odio e tristeza”. “Foxe dos necios”, rematou Silva, citando a Baltasar Gracián.

ÚLTIMAS

A Policía Local localiza en Salceda un veciño do Porriño desaparecido desde o xoves

A Policía Local de Salceda de Caselas localizou na tarde deste venres a Vicente...

Conxemar reúne en Vigo expertos internacionais para abordar os retos da pesca antes da apertura da feira

Vigo converterase desde este luns nun dos puntos de encontro internacionais do sector pesqueiro...

Estudantes da UVigo levan ao espazo un experimento para probar cámaras e sensores de radiación

Estudantes da Universidade de Vigo integrados na asociación UVigo SpaceLab conseguiron poñer en órbita o experimento CORTIS, unha...

Unha explosión durante unha voadura nunha canteira do Porriño deixa catro traballadores feridos, un deles grave

Catro traballadores resultaron feridos, un deles de gravidade, nunha explosión rexistrada este venres nunha...