O grupo de orixe franco-italiano Stellantis presentou este xoves en Auburn Hills, en Michigan (Estados Unidos), o plan ‘FaSTLAne’, o proxecto de investimento máis ambicioso da súa historia co que pretende investir uns 60.000 millóns de euros nos próximos anos. Desta forma, o novo proxecto supera os 50.000 millóns do anterior (‘Dare Forward’) co que planeaban impulsar masivamente a electrificación nos seus mercados. O anuncio deste programa de investimento tivo un impacto temperán no desempeño bolsista de Stellantis, que retrocedeu ata un 5% coincidindo coa desagregación dos distintos plans por rexións. Con todo, ao peche das sesións en Italia ou Francia, as accións da compañía descenderon entre un 1% e un 2%.
Stellantis pretende impulsar o crecemento, mellorar a rendibilidade e reforzar a súa posición no mercado automobilístico global ata 2030. Igualmente, a compañía explicou que este proxecto aproveitará a combinación de marcas históricas para tener unha xestión máis precisa das mesmas, fomentará a creación de alianzas estratéxicas, así como unha nova optimización das súas fábricas. Doutra banda, o grupo realiza un cambio de rumbo na súa estrutura de produción cun enfoque virado ao mercado americano para beneficiarse duns menores custos arancelarios por parte da administración Trump, que actualmente son do 25% aos vehículos de procedencia europea. Así, a compañía dona de RAM, Jeep, Chrysler ou Dodge en Estados Unidos aumentará a súa produción en chan americano nun 80% nos próximos anos.
Todo seo terá a súa repercusión en Europa, onde Stellantis perderá nos próximos anos un total de 800.000 vehículos froito do cesamento de produción da planta francesa de Poissy, que se reconverterá a centro loxístico. No entanto, as novas alianzas acordadas nos últimos días con Leapmotor coa previsión de fabricar modelos de Leapmotor na súa planta de Villaverde (Madrid) e un novo vehículo SUV 100% eléctrico da marca Opel, en colaboración tamén con Leapmotor, na planta de Figueruelas (Zaragoza) de face a 2028 permitirá aumentar un 20% a produción europea, pasando do 60% ao 80%, segundo informou a entidade. Igualmente, a xestión anunciou onte novas colaboracións con Dongfeng para a creación dunha joint venture con sede en Europa para a venda, distribución, fabricación, compra e enxeñaría dos vehículos de nova enerxía da firma chinesa, así como con Jaguar Land Rover (JLR), coa que esperan aliar sinerxías de colaboración no desenvolvemento de produtos e tecnoloxía nos Estados Unidos. En Oriente Medio e África, o plan prevé a localización dos produtos, impulsando a plena utilización da capacidade produtiva para 2030. Mentres, en materia tecnolóxica Stellantis manterá ata 2030 as suas alianzas estratéxicas destinadas a complementar as capacidades internas dos seus vehículos en materias de intelixencia artificial, desenvolvemento de baterías eléctricas ou sistemas de seguridade con colaboración con empresas coma Applied Intuition, Qualcomm, Wayve, NVIDIA, Uber, Mistral AI e CATL, entre outras.
60 NOVOS VEHÍCULOS NO PRÓXIMOS CINCO ANOS
Do total dos 60.000 millóns de euros previstos, aproximadamente o 60%, uns 36.000 millóns de euros destinaranse a marcas e produtos. Stellantis planea lanzar máis de 60 novos vehículos antes de 2030 e realizar ao redor de 50 renovacións importantes en modelos xa existentes. A estratexia contempla unha forte aposta por todas as tecnoloxías de mobilidade desde o desenvolvemento de 29 vehículos eléctricos de batería (BEV), 24 híbridos (HEV), 15 híbridos enchufables (PHEV), modelos de autonomía estendida (REEV) e ata 39 exemplares baixo motorización de combustión interna. O resto, 24.000 millóns enfocaranse en investimentos para a configuración de novas plataformas globais, sistemas de propulsión e novas tecnoloxías, incluíndo desenvolvementos coma STLA Brain, STLA SmartCockpit e STLA AutoDrive.
REORGANIZACIÓN DE MARCAS
A dona de Peugeot ou Citroën en Europa tamén revelou cambios na organización interna das marcas para mellorar a eficiencia e evitar duplicidades de gasto. As insignias de Jeep, Ram, Peugeot e Fiat beneficiaranse de preto do 70% dos investimentos destinados a marcas e produtos, xunto con Pro One (la unidade de negocio de vehículos comerciais de Stellantis), é dicir uns 25.200 millóns de euros. Chrysler, Dodge, Citroën, Opel e Alfa Romeo estarón orientadas a mercados específicos e necesidades rexionais. En cambio, DS e Lancia serán xestionadas baixo unha estratexia enfocada no segmento premium e de luxo. A compañía planea fortalecer o futuro de Maserati, unha marca de luxo puro cunha traxectoria única entre os seus clientes e unha potente gama de modelos, incorporando dous novos vehículos do segmento E. Presentarase unha folla de ruta detallada en Módena en decembro de 2026, segundo detallaron.
ELEVARÁ OS SEUS INGRESOS UN 15% EN EUROPA DE FACE A 2030
A empresa tamén compartiu as súas previsións financeiras de face ao ano 2030, con obxectivo un crecemento dos ingresos do 15% e unha marxe operativa de entre o 3% e o 5% na rexión de Europa. Para lograr estes incrementos, Stellantis prevé reorientar a carteira de marcas, achegando unha diferenciación aínda maior ás marcas e aumentando a cobertura cunha ofensiva no segmento C e a introdución do E-Car, unha nova xeración de vehículos eléctricos urbanos elegantes e alcanzables que se fabricarán en Europa, comezando coa planta da compañía en Pomigliano d’Arco, Italia. Así mesmo, buscará impulsar a competitividade de custos, a través da nova plataforma STLA One, e incrementar a utilización da capacidade mediante o aumento do volume de produción, a reconversión das plantas e o uso compartido da capacidade.
En Norteamérica, o seu maior mercado, a empresa ten como obxectivo un crecemento dos ingresos do 25% e unha marxe operativa de entre o 8% e o 10%, centrándose en ampliar a cobertura de mercado nun 50%, con 11 vehículos totalmente novos e un 35% mais de volume. En Sudamérica, a compañía apunta a un crecemento dos ingresos do 10% e unha marxe operativa de entre o 8% e o 10%, consolidando o seu liderado en Brasil e Arxentina, lanzando unha ofensiva de captación de clientes e crecendo noutros países da rexión. En Oriente Medio e África, a empresa prevé un crecemento dos ingresos do 40% e unha marxe do 10% ao 12%, impulsado pola localización de produtos e o aumento das importacións procedentes de socios asiáticos. Finalmente, na rexión de Asia Pacífico, a empresa apunta a unha marxe operativa do 4% ao 6%, aproveitando as alianzas estratéxicas para permitir un crecemento local con poucos activos e exportar produtos para dar soporte a outras rexións.
