InicioEconomíaO Porto de Vigo prevé superar os 310.000 cruceiristas en 2027 tras...

O Porto de Vigo prevé superar os 310.000 cruceiristas en 2027 tras consolidar as súas escalas en Miami

Carlos Botana presenta en Seatrade Cruise Global unha ruta marítima sostible e posiciona a cidade como destino para a eclipse de agosto.

PUBLICADO O

- Advertisement -

O Porto de Vigo pechou o exercicio de 2025 con 125 escalas de cruceiros e algo máis de 306.000 pasaxeiros, unha cifra similar á que se espera neste 2026, pero a previsión para 2027 é superar as 130 escalas e os 310.000 cruceiristas. Así o trasladou o presidente da Autoridade Portuaria, Carlos Botana, con motivo da participación do organismo na Seatrade Cruise Global de Miami, a feira de cruceiros máis importante do mundo. A Autoridade Portuaria de Vigo participou nesta cita a través dunha caseta propia no pavillón español que organiza Portos do Estado xunto con outras autoridades portuarias e organizacións de turismo, así como en encontros con empresas e asociacións do sector.

A importancia desta cita internacional radica na súa data de celebración, xa que é un momento crucial para as compañías armadoras que, en ocasións, acaban de perfilar ou mesmo modifican a planificación dos itinerarios e as súas escalas. Por outra banda, como novidade, o porto olívico presentou ao mercado internacional unha ambiciosa evolución do seu Carreiro Azul. Trátase da integración dunha ruta marítima exclusiva deseñada para ofrecer aos cruceiristas e visitantes unha inmersión total na biodiversidade da Ría de Vigo.

Este itinerario combina o percorrido a pé co traslado por mar, unindo fitos como o visor submarino Nautilus, unha xanela directa ao ecosistema mariño que permite observar a recuperación da biodiversidade en tempo real. Tamén inclúe os Peiraos do Solpor, o proxecto premiado internacionalmente que converte estruturas portuarias en arrecifes artificiais, o Museo do Mar de Galicia e o futuro centro de referencia do Parque Nacional das Illas Atlánticas no Faro das Illas Cíes. Carlos Botana salientou en Miami esta forma innovadora de conectar a cidade co seu porto para que o visitante viva a rexeneración da ría reducindo a pegada de carbono.

Ademais, o Porto de Vigo situouse en Miami como un destino único e privilexiado para gozar da eclipse solar que terá lugar o próximo 12 de agosto. Para este evento, o organismo deseñou unhas lentes protectoras conmemorativas que regalará a todos os que se animen a observar este fito desde o marco de Peiraos do Solpor. A eclipse coincidirá coa escala na cidade do xigante Iona e a Autoridade Portuaria traballa xa en actividades específicas para que tanto vigueses como visitantes poidan vivir esta xornada nas instalacións portuarias.

ÚLTIMAS

A Xunta acusa Caballero de tratar a auga como se fose súa e pide unha xestión supramunicipal para Vigo e o Val Miñor

A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático cargou este domingo contra o alcalde...

Vigo abastecerá de auga a Baiona desde o luns e carga contra a Xunta: “Onde está a Administración que ten que resolver o problema?”

O Concello de Vigo confirmou que atenderá a petición de Baiona e comezará a...

Protesta ante Stellantis polo despedimento dunha traballadora dunha auxiliar candidata ás eleccións sindicais

Traballadores de Grupo UB, empresa auxiliar do sector da automoción, concentráronse este venres ante...

Vigo acollerá a final de mes o Exercicio Nacional de Loita contra a Contaminación Mariña-POLEX 2026

A Dirección Xeral da Mariña Mercante (DGMM), en colaboración con Salvamento Marítimo (Ministerio de...