O grupo municipal do BNG volveu a reclamar este xoves que se desista do proceso de licitación do servizo de bus urbano de Vigo, xa que unha nova adxudicación só servirá para “pagar máis polo mesmo“, e insistiu en pedir a “remunicipalización” dese servizo. O portavoz do grupo nacionalista, Xabier Pérez Igrexas, denunciou que, un ano despois de iniciarse ese proceso do novo concurso, o goberno de Abel Caballero segue sen explicar por que o novo contrato vai supor un incremento de case o 90 % no custo anual, pasando de 24 a 45 millóns de euros, sen que iso implique melloras reais na prestación.
O edil nacionalista vaticinou que este encarecemento terá consecuencias para os usuarios e que o prezo do billete podería superar os 2 euros para garantir o equilibrio económico. Para Pérez Igrexas é “inaceptable” que se pretenda impor este aumento cando os pregos de licitación non contemplan nin máis buses nin máis condutores, nin novas frecuencias ou mellora dos horarios. O voceiro apuntou que están ante un modelo que pretende facer pagar máis á cidadanía por practicamente o mesmo servizo, sen capacidade de recuperar as 250 frecuencias diarias suprimidas desde a pandemia nin de corrixir as deficiencias.
Por todo iso, volveu a insistir en que aínda se está a tempo de evitar que se dilapide a oportunidade de pór fin á concesión e non hipotecar á cidade cun modelo que non está á altura das necesidades dos vigueses. Nese sentido, expuxo novamente a proposta do BNG de remunicipalizar o servizo mediante unha empresa pública, como alternativa para garantir un transporte urbano máis eficaz, accesible e adaptado á maior cidade de Galicia. O que está en xogo, segundo advertiu o nacionalista, é decidir se se quere un autobús mellor ou simplemente un autobús máis caro.
