InicioSociedadeO padroado do Ifevi presenta unha nova tasación das instalacións para avanzar...

O padroado do Ifevi presenta unha nova tasación das instalacións para avanzar na súa xestión compartida

O informe sitúa o valor do recinto feiral en 35 millóns de euros, establecendo a contribución da Xunta en 20 millóns e a do Concello en 14,7 millóns.

PUBLICADO O

- Advertisement -

O padroado do Ifevi trasladou este venres á Xunta, ao Concello de Vigo e á Zona Franca o resultado do informe encargado a unha empresa especializada independente sobre o valor das instalacións do recinto feiral. O documento conclúe que 20 millóns de euros correspóndense con construcións financiadas pola Xunta, mentres que uns 14,7 millóns de euros corresponden aos espazos e terreos cedidos polo Concello olívico. Esta avaliación arroxa resultados moi similares a un informe anterior, que cifraba o valor total en 35,6 millóns, fronte aos 35 millóns que estipula o estudo actual.

Aquel informe previo foi rexeitado polo goberno municipal de Vigo, xa que o alcalde, Abel Caballero, acusara á Xunta de intentar “estafar” á cidade ao considerar que a parte correspondente ao consistorio tiña moito máis valor. Agora, as partes analizarán o novo documento e o padroado convocará ás tres institucións para “seguir dando pasos na potenciación do recinto”. Fontes da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración subliñaron que esta tasación foi encargada para “reforzar a transparencia e a confianza institucional” e reflectir a “man tendida” do goberno galego para implantar un sistema de gobernanza tripartito baseado na unanimidade.

LIÑAS DE ACTUACIÓN PARA O FUTURO DO RECINTO

Paralelamente, segue en marcha o grupo de traballo creado para potenciar o recinto feiral, que analiza necesidades como melloras operativas, cuestións de accesos e aparcadoiros ou a reordenación de espazos. “A tarefa principal é avanzar con axilidade e rigor técnico para que o recinto poida dispor dunha folla de ruta sólida”, sinalaron fontes autonómicas. Cabe recordar que o pasado 5 de febreiro, o padroado aprobou por unanimidade o prego técnico para a licitación da asistencia técnica dos plans funcional e estratéxico do complexo.

O devandito grupo de traballo está integrado por representantes da Xunta, Concello, Zona Franca, Deputación de Pontevedra, Cámara de Comercio, Confederación de Empresarios, Mancomunidade de Vigo, Conxemar, Navalia e o Salón do Automóbil. O obxectivo final é garantir o desenvolvemento futuro do Ifevi como motor económico de Vigo e a súa área de influencia, superando as discrepancias anteriores mediante criterios técnicos e independentes.

ÚLTIMAS

O AVE Vigo-Lisboa podería estar rematado en 2033

O primeiro ministro de Portugal, Luís Montenegro, destacou que a liña de alta velocidade...

Abel Caballero denuncia un “ataque frontal” de Rafael Louzán contra a candidatura de Vigo para o Mundial 2030

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, asegurou este venres que o presidente da Real...

O feminismo vigués convoca unha manifestación o 8M baixo o lema ‘Fronte ao medo e o fascismo, a resistencia é feminismo’

A plataforma Resposta Feminista – As que miran lila chamou a saír ás rúas...