InicioSociedadeAbel Caballero denuncia un "ataque frontal" de Rafael Louzán contra a candidatura...

Abel Caballero denuncia un “ataque frontal” de Rafael Louzán contra a candidatura de Vigo para o Mundial 2030

O alcalde de Vigo asegura que o presidente da RFEF tentou impedir que a cidade sexa sede, mentres a portavoz do PP insta a dirixirse á FIFA para reclamar xustiza.

PUBLICADO O

- Advertisement -

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, asegurou este venres que o presidente da Real Federación Española de Fútbol (RFEF), Rafael Louzán, levou a cabo un “ataque frontal” contra Vigo na reunión interministerial celebrada nas últimas horas para a preparación do Mundial de Fútbol 2030. En declaracións remitidas aos medios, o rexedor olívico sinalou que, nese encontro, “para sorpresa de todos os participantes”, Louzán non só deu mostra dunha “guerra política” contra a cidade, senón que “recriminou” á ministra de Educación, Formación Profesional e Deportes, Milagres Tolón, que recibise ao alcalde vigués. “E ante un ataque de tal dureza, a ministra contestoulle cunha enorme contundencia defendendo a Vigo. Louzán atacando a Vigo e querendo que non fose sede, e a ministra defendendo a Vigo”, proclamou.

Segundo subliñou Caballero, Milagres Tolón pediu “deixar os personalismos ao carón”, precisamente en referencia á actitude do presidente da RFEF e ás súas “rifas políticas”. O alcalde insistiu en que Vigo ten que estar na lista de sedes polos seus “méritos” e que a propia ministra recoñeceu que a candidatura “cumpre os requisitos”. Tamén sinalou que os representantes da FIFA estarán en próximos días en España para analizar as sedes cando a Federación “só ten 10 nomes, con 11 sedes concedidas”. “Porque Louzán non puxo Vigo nos nomes, para que non se visite a sede de Vigo (…) É un bochorno, é bochornoso”, sentenciou. O alcalde tamén acusou á Xunta de apoiar a candidatura de Riazor e asegurou que o conselleiro Diego Calvo recoñeceu que “eles van pagar”, mentres que non queren achegar para a candidatura de Vigo. Finalmente, reiterou que o Concello olívico “non vai a cejar” e ten as obras de Balaídos en marcha.

RECLAMAR ANTE A FIFA

En resposta ás declaracións do alcalde, a presidenta do PP de Vigo e portavoz municipal, Luisa Sánchez, instou o Concello a dirixirse á FIFA, “o único estamento que pode facer xustiza” coa cidade, para reclamar a inclusión da candidatura olívica. “Porque agora mesmo esa decisión só está en mans da FIFA”, aclarou. Luisa Sánchez pediu “abrir vías de diálogo” e “abandonar a polémica permanente”. “Se o señor Caballero quere demostrar que isto é un asunto de cidade e non unha cuestión partidista, que mova ficha ante a FIFA”, insistiu, e advertiu de que “sería un fracaso que o clima de crispación alentado polo señor Caballero terminase prexudicando a imaxe de Vigo en Zúric”.

Respecto diso, tamén se remitiu ás manifestacións de Milagres Tolón sobre a importancia de construír “un proxecto de país”, un proxecto que “non se constrúe montando rifas diarias diante dun micrófono co único fin de obter rédito partidista”. En todo caso, apuntou que a porta a que Vigo sexa sede mundialista non está pechada e que, por tanto, para lograr ese obxectivo, hai que dar pasos cara adiante. “De aquí a que se tome unha decisión definitiva aínda se poden caer máis sedes en España”, sinalou Luisa Sánchez, que pediu que as cidades que teñen proxectos “inmaturos” aclaren o seu futuro.

ÚLTIMAS

O AVE Vigo-Lisboa podería estar rematado en 2033

O primeiro ministro de Portugal, Luís Montenegro, destacou que a liña de alta velocidade...

O padroado do Ifevi presenta unha nova tasación das instalacións para avanzar na súa xestión compartida

O padroado do Ifevi trasladou este venres á Xunta, ao Concello de Vigo e...

O feminismo vigués convoca unha manifestación o 8M baixo o lema ‘Fronte ao medo e o fascismo, a resistencia é feminismo’

A plataforma Resposta Feminista – As que miran lila chamou a saír ás rúas...