InicioEconomíaAudasa deberá devolver parte das peaxes da AP-9 polas obras de Rande

Audasa deberá devolver parte das peaxes da AP-9 polas obras de Rande

A concesionaria deberá reintegrar o 50 % do importe nos días con tráfico negro, vermello ou amarelo se non informou axeitadamente aos usuarios.

PUBLICADO O

- Advertisement -

A Audiencia Provincial da Coruña condenou a Autopistas del Atlántico S.A. (Audasa) a devolver parcialmente as peaxes cobradas na AP-9 durante as obras de ampliación da ponte de Rande e dos accesos ao Morrazo e a Teis, en Vigo, executadas entre 2015 e 2018. A sala conclúe que a empresa deberá reintegrar o importe cando a execución das obras afectou á fluidez do tráfico e, malia iso, non informou debidamente aos usuarios. En concreto, ordena aboar aos demandantes —empresas e particulares— a metade da peaxe correspondente aos días nos que, segundo un informe da Dirección General de Tráfico (DGT), o nivel de servizo foi catalogado como negro, vermello ou amarelo, sempre que se xustifique o traxecto mediante as facturas achegadas ao procedemento. De non haber acordo, a determinación concreta realizarase en fase de execución de sentenza.

NON TODO O PERÍODO DAS OBRAS

O tribunal resolve así os recursos de apelación contra a sentenza do Xulgado de Primeira Instancia número 12 da Coruña, confirmando a condena a indemnizar aos demandantes, pero estimando parcialmente o recurso da concesionaria. A Audiencia non comparte que o mero feito da existencia das obras supuxese incumprimento contractual durante todo o período. Segundo a resolución, a devolución só procederá nos días en que quede acreditado que as obras afectaron realmente á circulación. Os maxistrados explican que o incumprimento se produciu “cando as obras afectaron á fluidez e ás prestacións propias da autopista e, malia iso, non se informou con antelación suficiente para evitar o atasco ou permitir escoller unha vía alternativa”.

“NON ADOPTOU NINGUNHA MEDIDA”

A sentenza tamén subliña que Audasa, coñecedora da longa duración das obras e da previsión de afectación ao servizo, “non adoptou ningunha medida” para corrixir a situación nin reduciu o prezo da peaxe ante a merma do servizo. Segundo a Audiencia, non é admisible que o usuario pague o importe íntegro cando o servizo se presta de forma deficiente, incluso “caótica” en ocasións, con longas retencións, xa que iso rompe o equilibrio contractual e prexudica aos usuarios. O fallo considera que a concesionaria “cumpriu defectuosamente as súas obrigas”, ao non prestar o servizo coa normalidade esixible, causando un desequilibrio nas prestacións e un evidente prexuízo aos demandantes. A resolución non é firme e pode ser recorrida ante o Tribunal Supremo, que xa o pasado mes de outubro condenara tamén a Audasa a devolver parte das peaxes cobradas durante as obras de Rande nun procedemento distinto.

ÚLTIMAS

Sanidade licita por 284.000 euros reactivos clave para transplantes no Hospital Meixoeiro

A Xunta de Galicia, a través do Servizo Galego de Saúde (Sergas), publicou no...

O PP de Vigo esixe a auditoría das contas de Bembrive mentres o Goberno local cualifica as acusacións de “falsas”

A presidenta do PP de Vigo, Luisa Sánchez, esixiu ao rexedor, Abel Caballero, que...

Zona Franca renovará o seu apoio ao proxecto BIXO da UVigo SpaceLab para o lanzamento dun novo satélite

Zona Franca renovará o seu apoio ao proxecto BIXO da UVigo SpaceLab, que pretende...

Catro tartarugas mariñas, rescatadas e trasladadas á UCI de Nigrán tras aparecer debilitadas no litoral galego

Catro tartarugas mariñas foron trasladadas á UCI das instalacións da Coordinadora para o Estudo...