A presidenta do PP de Vigo asumirá nos próximos días a portavocía do grupo municipal popular no pleno do Concello olívico co obxectivo de converter ao PP nunha “alternativa” para as eleccións do ano 2027. Así o anunciou a propia Sánchez este mércores en rolda de prensa, onde estivo acompañada de Miguel Martín, o até agora portavoz, que pasará a ser viceportavoz e manterase como concelleiro.
Sánchez apuntou que este domingo, día 22 de febreiro, cumprirá un ano á fronte dos ‘populares’ vigueses, polo que elixiu esta data para asumir agora a portavocía no Concello, coa “ambición de reforzar” a acción política do PP na cidade. Para ela, o obxectivo é “converter ao PP nunha alternativa de cara ao ano 2027”, cando haberá eleccións municipais.
Luisa Sánchez tamén tivo palabras de agradecemento cara a Martín, que exerceu a portavocía durante dous anos con “honestidade e lealdade”, ademais de cun “gran esforzo”. “Isto non significa un adeus”, recalcou, indicando que o edil continuará no grupo municipal. Precisamente Miguel Martín recoñeceu que “o lóxico e normal” é que a presidenta do PP de Vigo asuma a portavocía no Concello, dando tamén as grazas a Luisa Sánchez por confiar nel e mantelo no cargo durante este ano.
