Un mozo de 17 anos, veciño de Vigo, tivo que ser hospitalizado na noite deste luns tras ser agredido con unha arma branca ou un obxecto similar durante a celebración do Entroido de Hío, en Cangas. Segundo confirmaron fontes da Garda Civil, o aviso recibiuse arredor das 21:30 horas a través da Policía Local, informando dun ataque a un menor na citada parroquia canguesa.
O mozo presentaba unha ferida na coxa dunha perna e foi atendido inicialmente no mesmo lugar polos servizos sanitarios. Debido á gravidade da lesión, os profesionais decidiron o seu traslado ao Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, onde permanece estabilizado.
A Garda Civil mantén aberta unha investigación para tratar de esclarecer o ocorrido. Por agora, non se logrou identificar a ningunha persoa como posible autor dos feitos, unha tarefa que se viu dificultada pola gran cantidade de xente que se atopaba nese momento na festa disfrutando do Entroido.
