Axentes da Policía Nacional da Comisaría de Vigo-Redondela detiveron na cidade olívica a un matrimonio como supostos autores dos delitos de furto e receptación. Segundo informaron fontes policiais, a investigación iniciouse tras a presentación dunha denuncia por parte dunha veciña da cidade, que manifestou que lle desapareceron varias xoias da súa vivenda. Os feitos ocorreran entre febreiro e decembro de 2025, período no que a muller contratara a unha empregada do fogar para labores domésticos.
A denunciante achegou os datos da traballadora, ao sospeitar podería ter algo que ver coa desaparición das alfaias, e o grupo de UDEV-Roubos iniciou as pescudas. Así, puideron confirmar que a xa exempleada vendera polo menos catro xoias propiedade da denunciante. Nun dos casos, a suposta ladroa chegou a substituír unha xoia roubada por outra de bixutaría, de escaso valor, para que a prexudicada non se dese conta do roubo.
As vendas realizadas pola sospeitosa reportáronlle máis de 2.600 euros, polo que a Policía procedeu á súa detención o pasado 21 de xaneiro. Pero a investigación continuou, porque non se localizaron todas as xoias roubadas. Deste xeito, a Policía descubriu que, posteriormente, o marido da detida tamén vendera unha das pezas sustraidas, pola que obtivo máis de 700 euros. Por iso, tamén foi detido, este xoves, como presunto autor dun delito de receptación.
As xoias roubadas non puideron ser recuperadas, debido ao tempo transcorrido entre a súa venda e a presentación da denuncia, o que dificultou esa recuperación nos establecementos onde foron entregadas.
