InicioSociedadePiden 25 anos de cárcere para un home por acosar e ameazar...

Piden 25 anos de cárcere para un home por acosar e ameazar de morte a xuíces, policías e avogados de Vigo

O acusado enviou máis dun milleiro de correos electrónicos con graves insultos e chegou a agredir a un letrado ás portas dos xulgados.

PUBLICADO O

- Advertisement -

Un home enfróntase a penas que suman 25 anos de prisión como suposto autor de varios delitos de ameazas, inxurias graves, acoso e resistencia, entre outros. O procesado está acusado de remitir un milleiro de mensaxes a avogados, xuíces e policías de Vigo, ameazándoos de morte e proferindo graves insultos de maneira reiterada. A vista por estes feitos está fixada para este martes na sala do Penal 3 de Vigo.

Segundo o escrito de acusación da Fiscalía, o procesado enviou centos de correos electrónicos entre novembro de 2022 e xullo de 2023 a distintas direccións oficiais. O obxectivo era “atacar a honra e a dignidade” das autoridades xudiciais e fiscais que interviñan en causas contra el. O ministerio público sinala que estas mensaxes buscaban agravar o seu labor xurisdicional, o que motivou que un xulgado de instrución lle prohibise comunicarse cos órganos xudiciais vigueses fóra dos actos estritamente necesarios.

Ademais, o acusado dirixiu a súa estratexia de fustrigación cara a varios avogados que asumiran a súa defensa e cara a cargos do Colexio de Avogados de Vigo. Nestes correos vertía ameazas de morte e expresións moi ofensivas que provocaron nos profesionais e nas súas familias unha “lóxica angustia e temor”.

Dentro desta campaña de acoso, a Fiscalía recolle que o pasado 19 de xullo o acusado agrediu a un dos avogados ás portas dos xulgados de Vigo, propinándolle un forte golpe na cara e tirándoo ao chan. Tamén causou danos materiais nos edificios onde se sitúan os despachos de varios letrados. Tras ser localizado na Praza de Compostela, o home opuxo unha gran resistencia durante a súa detención e, xa en dependencias policiais, continuou coas ameazas e os danos. Incluso no momento de notificárselle o ingreso en prisión provisional, insultou á xuíza de garda e causou estragos na sala de declaracións.

Por estes feitos, o ministerio público acúsao de cinco delitos de inxurias graves á autoridade, seis de ameazas continuadas, outros tantos de acoso, así como delitos de lesións, resistencia e danos. Ademais dos 25 anos de cárcere, a Fiscalía solicita multas que suman 12.600 euros e a prohibición de achegarse ou comunicarse cos afectados durante un período de 5 anos.

ÚLTIMAS

O goberno de Vigo pedirá en pleno que a Xunta garanta o abastecemento de auga de Vigo

O goberno de Vigo, liderado por Abel Caballero (PSOE), levará ao pleno do próximo...

Trasladadas dúas persoas que resultaron afectadas nun incendio dun piso en Vigo

Dúas persoas tiveron que ser trasladadas ao hospital tras verse afectadas por inhalación de...

Un profesor da Universidade de Vigo reúne 180.000 nomes de invertebrados nunha obra única no mundo

A Universidade de Vigo presentou este venres o último libro do profesor da Facultade...

Dous detidos e un investigado pola malleira a un home nun parking do Porriño

A Garda Civil de Pontevedra detivo a dous homes e investiga a un terceiro...