InicioSociedadeOs acusados de dar unha malleira a dous mozos en Vigo aceptan...

Os acusados de dar unha malleira a dous mozos en Vigo aceptan 7 meses e 2 anos de cárcere

PUBLICADO O

- Advertisement -

A sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra, con sede en Vigo, condenou a tres novos a penas de 7 meses e 2 anos de prisión como autores do delito de lesións, tras propinar unha malleira a dous mozos nunha zona de copas da cidade, en febreiro de 2024. Os tres procesados, Diego M.R., Abraham C.V. e Luís V.N., recoñeceron os feitos nunha vista de conformidade celebrada este martes, na que a Fiscalía rebaixou a súa petición de penas ao aplicar a atenuante de reparación do dano, xa que o tres consignaron 10.000 euros para facer fronte á indemnización a unha das vítimas.

Os feitos ocorreron na madrugada do 9 de febreiro do ano pasado, cando os acusados, con outras persoas que non foron identificadas, arremeteron contra un mozo, cuxa noiva fora parella sentimental dun dos procesados. Así, tirárono ao chan e propináronlle golpes, patadas e dentadas por todo o corpo.

Ademais, un dos acusados, Luís V.N., practicante de boxeo (deporte no que estaba federado), tamén golpeou a outro mozo, acompañante do anterior mozo, rompéndolle a mandíbula e causándolle lesións nas pezas dentais. Por estes feitos, o tres foron condenados a 7 meses de cárcere, polo delito de lesións cometido sobre a primeira vítima, coa atenuante de reparación do dano e a circunstancia agravante de abuso de superioridade. Así mesmo, deberán inmdenizar ao prexudicado en 10.000 euros (xa consignados).

No caso de Luís V.N., a Audiencia condenouno, a maiores, a outros 17 meses de prisión (24 meses de cárcere en total), polas lesións ao segundo mozo, coa circunstancia agravante de abuso de superioridade. Nese caso, ademais, deberá indemnizar á vítima en 22.000 euros. No caso de Diego e Abraham, o tribunal acordou a suspensión da execución da pena de cárcere por un tempo de 2 anos, a condición de que, nese tempo, non delincan. Para Luís V.N. tamén se acordou a suspensión da pena de prisión, neste caso durante 5 anos, a condición de que non cometa delito nese período e de que pague a indemnización de 22.000 euros, a razón de 300 euros ao mes desde o próximo xaneiro.

ÚLTIMAS

Falece un traballador en Mos tras caer desde altura na parroquia de Sanguiñeda

Un traballador faleceu este mércores no municipio pontevedrés de Mos tras precipitarse ao baleiro...

Vigo traslada a gala da Reconquista ao Auditorio Mar de Vigo para ampliar o aforamento

O Concello de Vigo ultima os preparativos para a gala da Reconquista, que se...

O Celta busca un talismán contra o Real Madrid; a camisola celeste que luciu Madonna no 1990

O Real Club Celta puxo en marcha unha rechamante iniciativa co fin de localizar...

Aqualia confirma metais pesados na auga da traída municipal da parroquia de Beade, en Vigo

A Xunta de Galicia notificou ao Concello de Vigo e á empresa concesionaria Aqualia...