Xornal de Vigo continúa o seu repaso en profundidade ao medioambiente da man de Antón Lois, símbolo da loita ecoloxista en Vigo e a súa comarca e director de comunicación da ONG galega Amigos da Terra.
Despois dun primeiro capítulo sobre a contaminación da nosa cidade, nesta segunda entrega o tema a tratar é o estado medioambiental das Illas Cíes.
P- Estamos a voltas nos últimos tempos coa candidatura das Cíes a Patrimonio da Humanidade. Mais, non existe o perigo de acadar este título, alegrarse, pero finalmente empeorar a situación da illa sen decatarnos? Porque desde logo a afluencia de turistas non deixa de aumentar.
P- En canto ao último enfrontamento entre Concello e Xunta pola declaración de Patrimonio da Humanidade para o conxunto das Illas Atlánticas ou só para as Illas Cies, se o obxectivo final é aumentar o nivel de conservación non teño máis mínima duda, que sexa para todas. Porque se o que se busca é a protección, canto máis se protexa mellor.
Logo, se o obxectivo é a promoción turística, é irrelevante este nomeado, incluso contraproducente. A propia iniciativa e lexislación dos parques nacionais di que a súa meta principal é a conservación da natureza, pero hai moitos indicadores de que as Cíes en particular e o parque das Illas Atlánticas en xeral están retrocedendo no seu nivel de biodiversidade. Especies emblemáticas como o corvo mariño, imaxe do parque, están en perigo de extinción. É un parque absolutamente ferido.
P- Coido que, en realidade, a existencia destes parques a nivel global di moito de nós como especie, e non precisamente bo: ter que catalogar de forma especial un espazo como medida necesaria para retrasar o seu deterioro, porque se non non somos quen de conternos.
R- Deseñamos políticas de conservación da natureza ‘de illas’. Isto leva a un efecto perverso: a sensación de que todo o demais podemos cargárnolo sen problemas. Pero a natureza é transversal, e que un espazo estea protexido non significa destruír o de ao lado.
Debemos romper coa falacia de que a natureza soporta todo. Como podemos falar de desenvolvemento sostible nun planeta finito?
Cando nos referimos ás Cíes como paraíso natural podemos trazar unha liña divisoria. Da superficie da auga para abaixo si o é, pero o resto é un espazo esnaquizado polas actividades humanas.
Que queda dun lugar onde se plantaron eucaliptais e se soltaron coellos e cabras? Pero claro, como non hai chalets pensamos que é un paraíso natural. A propia Praia de Rodas é algo artificial. Mirade para Vigo: hai 300 anos Samil era infinitamente mellor.
Metéronse especies invasoras de flora e fauna nunha pequeña illa… A paisaxe está esnaquizada ecoloxicamente. En tempos, Cíes non tiña vexetación apenas, ata que ‘chegaron’ os eucaliptos e acacias nos 50. Como dicía, hoxe pensamos que Cíes é un paraíso natural só por comparación co resto.
P- Que opina entón do coñecido dito de que Rodas (nas Illas Cíes) é a mellor praia do mundo?
R- Un xornalista de The Guardian dixo que o era… Que pasa, se agora outro di que os galegos somos parvos, dámolo por certo tamén, asumirémolo do mesmo xeito ou só o facíamos por interese? Como nos fai quedar ben, falamos como se fora científico.
Cando é unha praia artificial que nace no momento en que se monta unha presa que corta o mar que pasaba entre illas, e vai sedimentando area. As praias de Cíes eran moito máis pequeñas, o mar arrastrábaas, en inverno desaparecían… Agora a que está a piques de desaparecer é a lagoa.