InicioSociedade"Contundente resolución" do TSXG que desestima o recurso dun veciño polo ruído...

“Contundente resolución” do TSXG que desestima o recurso dun veciño polo ruído do Nadal de Vigo

"O Nadal de Vigo é un feito de importancia mundial e os que a queren pechar, o PP, o Bloque e algunha xente concreta dalgunhas zonas, que se esquezan", di Abel Caballero. Veciños do centro de Vigo piden que a alameda onde se fai o mercadillo de Nadal sexa declarada BIC

PUBLICADO O

- Advertisement -

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) rexeitou o recurso de apelación interposto por un veciño de Vigo contra unha sentenza do Contencioso Administrativo número 2 da cidade, que xa rexeitou a súa denuncia contra o Concello por supostamente non adoptar medidas para paliar os ruídos e molestias ocasionados polas actividades do Nadal 2022-2023.

En marzo pasado, o tribunal vigués desestimou o recurso presentado por este veciño, e sinalou na súa sentenza que o Concello si adoptou medidas para minimizar o impacto do ruído, recollendo incluso esas prevencións nos pregos de condicións para a instalación das atraccións.

Fronte a esa resolución, o denunciante presentou recurso de apelación e agora o TSXG rexeitouno, impondo as costas de 1.000 euros ao apelante. No seu recurso, este veciño argumentaba que o Contencioso Administrativo incorrera nun erro na valoración da proba, pero o alto tribunal galego rexeitou dito extremo.

Ao contrario, valida as razóns do xulgado vigués e subliña que se puido constatar que “non houbo inactividade” por parte do Concello e que existían medidas para limitar os efectos e molestias do ruído. Tamén expón que “unha sensación de ruído” non pode servir “como proba obxectiva”.

O NADAL DE VIGO “NON SE PECHA”

Ante esta sentenza do TSXG, o alcalde da cidade olívica, Abel Caballero, trasladou a súa satisfacción porque o Tribunal “dá a razón ao Concello” nunha resolución “contundente”, e proclamou que “aqueles que queren pechar o Nadal de Vigo, que saiban que non o van a conseguir, fagan o que fagan e inventen o que inventen”.

Para o rexedor, “o Nadal de Vigo é un feito de importancia mundial e os que a queren pechar, o PP, o Bloque e algunha xente concreta dalgunhas zonas, que se esquezan”. “Non o van a conseguir”, resolveu.

Ademais deste procedemento, o xulgado do Contencioso Administrativo 1 de Vigo xa avalou nun auto que o Concello cumprira a sentenza do TSXG que o condenaba polas molestias que o Nadal de 2022-23 xerara unha veciña. A recorrente solicitou a execución da devandita sentenza e o xulgado declarou en abril pasado que xa se tomaron medidas para reducir o impacto sonoro dos festexos.

ALAMEDA, QUE SEXA BIC

Por outra banda, a Asociación de Veciños Zona Centro de Vigo solicitou á Xunta que inicie os trámites para declarar a Alameda da cidade, na Praza de Compostela, como Ben de Interese Cultural (BIC), un espazo que actualmente xa está catalogado como xardín histórico e protexido pola Lei de Patrimonio Cultural de Galicia.

Esa condición, explicaron os veciños nunha rolda de prensa, obriga á administración a protexelo, pero denunciaron que “non existe esa protección” porque as actividades que se promoven e se atorizan na Alameda, entre elas o mercadillo de Nadal, “provocaron un dano irreparable en todo o conxunto”.

Así, lembraron que o Concello cede grauitamente eses xardíns a un grupo de empresarios para desenvolver o chamado Cíes Market, unha actividade mercantil “orientada ao seu exclusivo beneficio”. Deste xeito, durante os dous meses que dura a campaña do Nadal, a Alameda convértese “nunha feira multitudinaria de comida e bebida”, coa instalación dun centenar de casetas “aparentemente sen ningún tipo de control sanitario”.

ÚLTIMAS

O BNG e o Concello de Vigo cruzan críticas pola “inacción” ante o prezo da vivenda

O grupo municipal do BNG criticou este luns a "inacción" da Xunta e do...

Caballero presume dun 90 % de ocupación en Vigo polo Nadal e carga contra os “antiVigo”: “Desgústalles que nos vaia ben”

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, cifrou no 90 % o nivel de ocupación...

Un home enfróntase a sete anos de prisión acusado de vender droga no bar que rexentaba en Baiona

Un home sentará este martes no banco dos acusados na sección quinta da Audiencia...

Luz Casal actuará en Vigo no Teatro Afundación en febreiro de 2026 dentro da súa nova xira

A cantante Luz Casal ofrecerá un concerto no Teatro Afundación de Vigo o vindeiro...