InicioSociedadeSOS Sanidade Pública pide "datos reais" de listas de espera na área...

SOS Sanidade Pública pide “datos reais” de listas de espera na área de Vigo e atendelas con medios públicos

SOS Sanidade Pública sinala que o 45 % das intervencións xa se fan en hospitais privados "e unha parte desas intervencións fináncianse con diñeiro público"

PUBLICADO O

- Advertisement -

A Plataforma SOS Sanidade Pública presentou este mércores por rexistro na sede territorial do Sergas en Vigo unha solicitude dirixida ao conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, para que se faga pública a “información completa” e con “datos reais” das listas de espera da área sanitaria.

Este acto forma parte dunha campaña iniciada por este colectivo para informar á cidadanía sobre a repercusión das listas de espera no sistema sanitario público e propor medidas para palialas.

Segundo explicou un dos portavoces da plataforma, Manuel González Moreira, as listas de espera son “un serio problema” do sistema, “ocasionan sufrimento, ansiedade e aumentan as consultas en Atención Primaria e en Urxencias”. Pero para tomar medidas debe haber “transparencia”, por iso a plataforma urxiu información sobre os “datos reais” desas listas, non só as de intervencións cirúrxicas, senón tamén as relativas a consultas e probas diagnósticas, xa que a normativa só obriga a publicar as chamadas “listas estruturais”, e permite a “ocultación” do resto.

Por outra banda, SOS Sanidade Pública esixe tamén que se xestionen ditas listas con “recursos públicos” e lembrou que, segundo a patronal da sanidade privada, o 45 % das intervencións xa se fan en hospitais privados “e unha parte desas intervencións fináncianse con diñeiro público”.

A plataforma iniciou unha campaña de información dirixida á cidadanía para presentar as súas propostas, e levará a cabo varios actos que culminará o próximo 12 de xuño cunha concentración ante o museo Marco de Vigo. Con todo, González Moreira trasladou que as plataformas do resto de Galicia tamén levarán a cabo acciones similares para pedir medidas de redución das listas de espera reforzando os servizos públicos.

“Non é unha condena que haxa listas de espera, senón que é o resultado dunhas decisións concretas, de infrafinanciar a sanidade pública”, sentenciou.

Outro dos portavoces da plataforma, Jesús Araújo, constatou que, na área de Vigo, as listas de espera “van a peor”, sobre todo porque “se ocultan”, e subliñou que unha das reivindicacións que fan é que o hospital “traballe mañá e tarde con recursos propios, públicos”. “Non se trata de que haxa actividade complementaria cirúrxica (noutros centros), senón de incrementar o persoal e usar recursos públicos”, reiterou.

ÚLTIMAS

Detido en República Dominicana un home condenado por violar e gravar a unha moza en Vigo tras fuxir de España

A Policía Nacional de República Dominicana detivo nas últimas horas a Miguel Ángel Wilson, de...

Traballadoras de Protección e Reforma de Menores concéntranse ante a delegación da Xunta para reclamar condicións laborais dignas

Traballadoras do servizo de Protección e Reforma de Menores concentráronse este martes, convocadas polo...

Renuncia por motivos de saúde o concelleiro de Educación, Deportes e Mocidade de Redondela, Iván Valles

O concelleiro socialista do Concello de Redondela, Iván Valles, presentou a renuncia ao seu cargo...

Sogama acusa a Caballero de mentir sobre a subida do canon do lixo

O presidente de Sogama, Javier Domínguez Liño, acusou este luns ao alcalde de Vigo,...