O BNG de Vigo denunciou ante Fiscalía o “escándalo sen precedentes” do “falso patrocinio publicitario” do concerto de Guns N’ Roses, ao apreciar ata catro posibles delitos que sumarían penas de ata 50 anos de cárcere e 18 de inhabilitación para cargo público.
Así o sinalou este xoves o portavoz nacionalista, Xabier Pérez Igrexas, ás portas dos xulgados olívicos tras presentar a dita denuncia. Alí, criticou os “gravísimos feitos e irregularidades” que supuxo este “intento de utilización de forma ilegal” de case 2 millóns de euros públicos, polo que “non pode quedar impune”.
Tras lamentar que o goberno local “non asumise ningún tipo de responsabilidade” e tampouco “dese explicacións”, Igrexas advertiu de que non permitirá que “se vaia de rositas”, polo que o BNG promove estas accións xudiciais para “depurar responsabilidades” porque “ningunha maioría absoluta dá dereito a chalanear con 2 millóns de euros amañando un contrato de presunto patrocinio publicitario”.
O nacionalista espera que agora Fiscalía atenda a demanda e inicie dilixencias para investigar o asunto ao apreciar o BNG “elementos máis que indiciarios” de catro posibles delitos: prevaricación administrativa, malversación, fraude e falsidade documental.
50 ANOS DE CÁRCERE
Así, estes ilícitos penais sumarían nas súas penas máximas un total de 18 anos de inhabilitación para cargo público e penas de prisión de ata 50 anos, segundo o Bloque, o que plasma “a gravidade dos feitos que se denuncian”.
Pola súa banda, Xabier Pérez Igrexas anunciou que o BNG presentou tamén un escrito ante o Consello de Contas sobre o mesmo tema, ao ser o órgano fiscalizador das administracións públicas, co obxectivo de que leve a cabo unha investigación exhaustiva do caso.
“Este escándalo non pode quedar impune”, sentenciou o portavoz nacionalista, esperando que estas accións permitan “pór luz onde o goberno de Abel Caballero puxo sombras, negándose a asumir responsabilidades”.