A Fiscalía pide dous anos de cárcere para tres acusados dun delito continuado de coaccións, por actuar con ánimo de dificultar a vida diaria dos seus veciños de arriba en Nigrán. O tres serán xulgados este mércores na sala do Penal 2 de Vigo.
Segundo o escrito de acusación pública, os feitos ocorreron entre abril de 2021 e, polo menos, agosto de 2024 nun inmoble de Nigrán, cuxo baixo é propiedade dos acusados e onde vive un deles, mentres que os denunciantes viven no primeiro piso.
Os acusados (tanto o que vive no baixo como os outros dous, que acudían con frecuencia ao inmoble) cortábanlle a subministración de auga aos veciños de arriba, aproveitando que a chave de paso está na planta baixa.
Os prexudicados non podían acceder a esa chave, porque está pechada por un enreixado e os procesados, segundo a Fiscalía, deixaban cans soltos para que os seus veciños non puidesen achegarse.
Estas actuacións provocaron numerosas intervencións da Policía Local de Nigrán e da Garda Civil, e a familia do primeiro piso interpuxo varias denuncias. De feito, os acusados xa foron condenados ata en tres ocasiones por levar a cabo estes feitos, “sen que en ningún momento cesase a realización de accións similares cada pouco tempo”.
A familia afectada optaba en moitas ocasións, especialmente no verán, por abandonar a súa vivenda, e a muller tivo que recibir tratamento psiquiátrico.
Por todo iso, o ministerio público considéraos autores dun delito continuado de coaccións e pide que cada un sexa condenado a 2 anos de prisión. Igualmente, reclama que se lles impoña a prohibición de achegarse aos prexudicados ou ao seu domicilio por un período de 2 anos, e que paguen unha indemnización de 2.000 euros por danos morais.
