Representantes de colectivos veciñais, entidades sociais e ecoloxistas de Vigo presentaron este xoves a campaña reivindicativa ‘Sabas brancas’, coa que convidan a colocar sabas brancas nos balcóns e xanelas daqueles veciños da cidade que queiran denunciar os “excesos” e problemas que supón “converter o centro de Vigo nun parque temático” con motivo do Nadal.
A portavoz da asociación veciñal Zona Centro de Vigo, Alba Novoa, explicou que gran parte da cidade “non sente con forzas nin ganas de ser engulida un ano máis polo arranque dun ‘parque de atraccións’ e todo o que o rodea dentro da cidade”, e lembrou que, tras a catástrofe da DANA, “non é o momento de alardear con grandes gastos inútiles, grandes inaguraciones, panxoliñas, botellóns en parques públicos, exceso de luces, espectáculos e atraccións de feiras”.
Por outra banda, subliñou que “o empeño” do alcalde, Abel Caballero, leva aos veciños a “unha situación extremadamente difícil”, polo que convidou a participar nesta campaña de protesta para mostra o “descontento ante a forma de actuar do Concello”.
Estas sabas, explicou, simbolizarán a “tortura” que teñen que sufrir os vigueses que viven no centro e zonas próximas durante varios meses ao ano, por “falta de medidas de seguridade que garantan os tempos de acceso e mobilidade dos servizos de emerxencias”, problemas para desprazarse e acceder a traballos e vivendas, polo “ruído insoportable”, sucidade, malos cheiros, a ocupación de chan público na Alameda por unha empresa, a colocación de atraccións de feira ou o “botellón” no que se converten os parques e xardíns, entre outros problemas.
“Ninguén quere acabar co Nadal, pero estamos ante un concepto do Nadal imposto polo Concello de Vigo que determina como hai que celebrar estas festas e condiciona os festexos da cidadanía. Un modelo que se terminou convertendo nun monstro que atenta contra calquera visión dun modelo de cidade sustentable, respectuosa co medioambiente, e co seu patrimonio cultural”, expresou Alba Novoa.
Os veciños do centro sumaron as súas reivindicacións a outras feitas por colectivos como a Federación Veciñal, Vos Ninguéns, Ecoloxistas en Acción, VigoHistórico, ABIVE ou a Plataforma fronte á Masificación Turística Vigo-O Morrazo, tamén relacionadas co modelo de masificación turística e o incremento de vivendas turísticas, que dificulta o acceso á vivenda alcanzable.
Ademais, os colectivos coincidiron en denunciar o “autoritarismo” do goberno local, co que é “imposible dialogar”, e lembraron que, á marxe do malgaste da campaña do Nadal, en Vigo “hai carencias sociais moi graves durante todo o ano”: o problema de acceso á vivenda ou o colapso dos servizos sociais municipais. “Parece que para outras cuestións, moito máis frívolas, accesorias, ornamentais, non hai ningún problema de orzamento, porque Vigo é unha cidade coas arcas saneadas, pero para a xente empobrecida eses recursos non están dispoñibles e teñen enormes trabas burocráticas”, advertiron.
