InicioVigo e contornaVigoO goberno vigués declara que non pagou polo concerto de Guns'n'Roses "en...

O goberno vigués declara que non pagou polo concerto de Guns’n’Roses “en defensa dos intereses de Vigo”

O grupo municipal do BNG no Concello de Vigo trasladou este xoves a súa esperanza de que a xustiza levante "a xigantesca alfombra de mentiras e falsidades" coa que o goberno local tratou de tapar o "escándalo" do patrocinio frustrado do concerto de Guns n' Roses

PUBLICADO O

- Advertisement -

O goberno municipal de Vigo saíu este xoves ao paso das acusacións do PP, que desvelou a existencia de decenas de conversacións de WhatsApp entre o concelleiro de Festas e a promotora do concerto do Guns n’ Roses ultimando detalles do evento, meses antes da convocatoria do concurso público para patrocinalo. Segundo o portavoz do goberno vigués, o PP “ataca” á cidade e ponse ao lado da empresa, que reclama nos tribunais que se lle paguen os 1,9 millóns de euros dese patrocinio, cuxo concurso quedou deserto.

Nunhas declaracións gravadas e remitidas aos medios, o concelleiro socialista Carlos López Font acusa aos ‘populares’ de estar “contra os intereses da cidade”, porque “defenden a unha empresa”. “Non sabemos a cambio de que, sería bo que o explicasen”, apuntou.

O portavoz do goberno de Abel Caballero insistiu en que o Concello convocou un concurso público de patrocinio (a finais de abril de 2022, dous meses antes do concerto e semanas despois de que se producisen, supostamente, esas conversacións de WhatsApp), ao que “podían concorrer todas as empresas do sector” e que quedou deserto porque a única licitadora, precisamente a promotora do concerto, “incumpría un dos requisitos”.

Tanto a convocatoria dese concurso como a decisión de declaralo deserto xeraron gran polémica, xa que a propia redacción da devandita convocatoria deixaba pouco lugar a dúbidas sobre que empresa podería optar e que artista podería actuar. Así, no texto ofrecíase un patrocinio de 1,9 millóns de euros (IVE incluído) para a promotora que puidese organizar “un concerto internacional, a celebrar no estadio de Balaídos (…) entre o 5 e o 27 de xuño de 2023”, e este concerto, continuaba o prego, “deberá formar parte dunha xira mundial que visite un mínimo de 10 países e, en España, non incluirá máis de 3 cidades, sendo unha delas Vigo”.

A pesar da convocatoria do concurso (logo errado) e de que o propio Concello remitiu unha ‘carta de interese’ en outubro de 2022 á promotora, ofrecendo o estadio e a achega económica, López Font insistiu en que “o Concello non pagou nin un céntimo velando polos recursos públicos”. “Non pagamos en defensa dos intereses de Vigo”, proclamou, e insistiu en que o PP se puxo ao lado da promotora porque “quere que a cidade pague”.

Finalmente, o portavoz do goberno vigués subliñou que “sería bo” que o PP explicase “como se tramitou o concerto de Muse”, organizado pola Xunta e celebrado en Balaídos o 8 de setembro de 2022. “Como é posible que fale de escurantismo o PP?”, concluíu Font.

BNG PIDE LEVANTAR A “ALFOMBRA DE MENTIRAS E FALSIDADES”

O grupo municipal do BNG no Concello de Vigo trasladou este xoves a súa esperanza de que a xustiza levante “a xigantesca alfombra de mentiras e falsidades” coa que o goberno local tratou de tapar o “escándalo” do patrocinio frustrado do concerto de Guns n’ Roses, unha vez que se confirmou que o xulgado admitiu a trámite o recurso contencioso da promotora do concerto (que reclama os 1,9 millóns dese patrocinio, alegando que había un acordo xa pechado).

A través dun comunicado remitido aos medios, o portavoz o grupo nacionalista, Xabier Pérez Igrexas, expresou a súa esperanza de que o proceso xudicial sirva para “pór luz no chanchullo escuro” dese procedemento.

Despois de que o alcalde e o seu equipo mentisen reiteradamente, negásense a dar explicacións e asumir responsabilidades como se lles esixiu nun pleno extraordinario celebrado por iniciativa do BNG, agora vai ser un tribunal o que poña negro sobre branco”, subliñou Pérez Igrexas.

O edil nacionalista subliñou que foi a acción do BNG a que sacou á luz a ‘carta de interese’ emitida “irregularmente” pola concellaría de Festas e que “ten carácter de precontrato formalizado de maneira allea aos procedementos legalmente previstos”. Iso pon de manifesto, engadiu, que o concurso público convocado posteriormente e “suspendido ‘in extremis'” non foi senón “unha simulación con bases ‘ad hoc’ en favor da promotora do concerto de Guns n’ Roses”.

Pérez Igrexas sinalou que “non é momento de sobreactuaciones” e expresou o seu desexo de que ese “chanchullo” non acabe custando eses 2 millóns de euros ao Concello. “O BNG non vai defender os intereses dunha empresa privada, senón que imos seguir defendendo o interese público das viguesas e vigueses, que non merecen que o goberno local xestione con xogos ilegais o diñeiro de todos“, subliñou o concelleiro.

Precisamente, este xoves, o grupo municipal do PP desvelou o contido de decenas de conversacións de WhatsApp entre o concelleiro de Festas do anterior mandato, Pablo Estévez, e un responsable da promotora dese concerto, nas que ambas as partes negociaron os detalles do evento, desde meses antes de que se convocase o concurso público do patrocinio, que finalmente quedou deserto.

ÚLTIMAS

Vigo ‘pecha’ o seu Nadal ante a alerta laranxa por temporal

Ante a alerta da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior sobre fenómeno meteorolóxico adverso...

O conservatorio de Gondomar levará o nome de Conchita Quintas

Así o anunciou o alcalde Paco Ferreira durante o concerto de Santa Icía deste...

A Xunta dota de docente á unidade de Saúde Mental infanto-xuvenil do Cunqueiro

A Xunta dotou á nova unidade de hospitalización de Saúde Mental infanto-xuvenil do Álvaro...

A sentenza pola explosión de Páramos fixa indemnizacións por máis de 9 millóns e 4 anos de cárcere para o acusado

A Audiencia Provincial de Pontevedra condenou a penas que suman 4 anos de prisión a Francisco...