A Universidade Intercontinental da Empresa (UIE) desenvolverá no seu campus de Vigo o primeiro master executivo da península ibérica orientado á xestión de produtos do mar, co ovjetivo de axudar a “internacionalizarse e crecer de forma sustentable” a esta industria.
“Un dos nosos propósitos reside en impulsar o inmenso potencial de Galicia como motor empresarial e industrial”, apuntou o secretario xeral de UIE e membro do seu Consello Reitor, Pedro Otero, durante a presentación do programa, un evento ao que asistiron o conselleiro do Mar, Alfonso Villares, e o director xeral comercial de Abanca, Gabriel González Eiroa.
O Executive Master in Seafood Management vén cubrir ” unha carencia” na oferta formativa no sur de Europa dirixida á mellora das competencias de xestión dos profesionais de toda a cadea do sector do mar.
Así, o alumnado estudará materias como gobernación de mares e océanos, a situación mundial de pesca e acuicultura, o proceso de transformación e operacións ou a situación do mercado internacional de produción e consumo.
O programa contará tamén con materias como financiamento, fiscalidade ou liderado, así como sustentabilidade, con contidos especializados directamente na industria pesqueira.
O máster executivo é o resultado dun proxecto de colaboración entre Abanca e a UIE, “construído man a man cos axentes máis importantes da industria de produtos do mar”, dixo durante a presentación o director do Executive Master in Seafood Management, Javier Fraga.
Tamén director de Abanca Mar, Fraga referiuse a a visión internacional do proxecto, xa non só pola composición do seu claustro, senón tamén pola do alumnado. O programa ten tamén o obxectivo de atraer a directivos doutros países que queiran continuar mellorando e actualizando a súa formación.
A formación do Executive Master in Seafood Management de UIE complementarase cunha estancia internacional en Noruega, un dos países referentes nesta industria. A estancia foi deseñada en colaboración coa NHH Norwegian School of Economics.
PROGRAMAS UIE
A UIE imparte catro graos, simultaneamente nos seus campus da Coruña e Vigo: Enxeñaría en Sistemas Intelixentes, Administración de Negocios Dixitais, Administración e Dirección de Empresas, e Enxeñaría da Empresa. Esta última, tamén é pioneira no sistema universitario español.
Ademais, imparte dous másteres universitarios: Tecnoloxía e Intelixencia de Datos empresariais e Dirección e Administración de Empresas. Tamén ten na súa oferta formativa diferentes títulos propios de posgrao e de Executive Education, de educación continua e InCompany.
