InicioSociedadeO PP cualifica de "intento de nacionalización" a auditoría que pide o...

O PP cualifica de “intento de nacionalización” a auditoría que pide o BNG do novo concerto con POVISA

O BNG pechou o debate lembrando que Povisa "vive" da sanidade pública, dado que gran parte dos seus ingresos proveñen de atender a pacientes derivados

PUBLICADO O

- Advertisement -

O portavoz do Grupo Popular, Alberto Pazos, criticou o que considera un intento de “nacionalización” por parte do BNG do Hospital Povisa que, na súa opinión, expuxeron este martes no Parlamento cunha proposición non de lei que non saíu adiante e que pedía transparencia na negociación do novo concerto, así como unha auditoría previa ao mesmo.

A deputada nacionalista Montserrat Prado foi a encargada de presentar unha moción na que o BNG afirma que o concerto singular que mantén o Sergas con Ribeira-Povisa é “unha auténtica anomalía”, que “impón un modelo de dúas velocidades cunha peor atención sanitaria en Povisa que na pública”.

“É necesario pór fin a esta situación coa absorción do hospital por parte do Sergas e así garantir a igualdade de condicións na prestación sanitaria para todas as persoas da área sanitaria de Vigo”, afirman.

Para Pazos, utilizan a “escusa” de que a atención sanitaria debe ser prestada “exclusiva e directamente pola Administración pública”.

“Un modelo de xestión sanitaria absolutamente respectable se fose acompañado dunha mínima coherencia política, da que nacionalistas e socialistas carecen por completo”, apuntou.

O portavoz do grupo incidiu en que os datos son algo “obxectivo” e “mostran con claridade que non se está privatizando a sanidade en Galicia nin se están ocultando datos”.

Neste sentido, apuntou que o Goberno central liderado por Pedro Sánchez “si privatizou a sanidade penal”, con “absoluto mutismo por parte dos socialistas e os nacionalistas galegos presentes no Congreso”.

Por último, e en canto aos concertos sanitarios, lembrou que “ningunha administración galega elevou o gasto público nese ámbito como o fixo o Goberno bipartito de BNG e PSdeG”, cun aumento de máis dun 50% en menos de catro anos.

TRANSPARENCIA NA NEGOCIACIÓN

A socialista Mª Elena Espinosa reivindicou a saúde pública como un dos “alicerces fundamentais” do Estado de benestar e, por iso, afeou o que considera “unha xestión sanitaria nefasta” por parte dos Executivos do PP.

Ademais, esixiu transparencia nos termos de negociación do novo convenio, algo no que coincidiu co deputado de Democracia Ourensá, Armando Ojea.

O BNG pechou o debate lembrando que Povisa “vive” da sanidade pública, dado que gran parte dos seus ingresos proveñen de atender a pacientes derivados, ademais de que outra elevada porcentaxe da contratación realízase “sen publicidade, a dedo”. “Iso chámase destinar recursos públicos a empresas privadas a mancheas”, afirmou.

ÚLTIMAS

Falece un traballador en Mos tras caer desde altura na parroquia de Sanguiñeda

Un traballador faleceu este mércores no municipio pontevedrés de Mos tras precipitarse ao baleiro...

Vigo traslada a gala da Reconquista ao Auditorio Mar de Vigo para ampliar o aforamento

O Concello de Vigo ultima os preparativos para a gala da Reconquista, que se...

O Celta busca un talismán contra o Real Madrid; a camisola celeste que luciu Madonna no 1990

O Real Club Celta puxo en marcha unha rechamante iniciativa co fin de localizar...

Aqualia confirma metais pesados na auga da traída municipal da parroquia de Beade, en Vigo

A Xunta de Galicia notificou ao Concello de Vigo e á empresa concesionaria Aqualia...