O BNG de Vigo pediu ao goberno local que paralice a privatización do servizo de conserjería dos colexios públicos e as escolas infantís da cidade.
Nun comunicado, o portavoz nacionalista, Xabier Pérez Igrexas, urxiu ao alcalde, Abel Caballero, que escoite o “clamor unánime” da comunidade educativa contra esta decisión.
“O goberno municipal insiste en non escoitar e en converter en fonte de negocio privado a xestión dun servizo público”, denunciou Igrexas, lembrando precedentes como a privatización do servizo de apertura e peche das instalacións deportivas municipais, que derivaron nunha “grave precariedade e condicións laborais inaceptables”.
Segundo el, tanto as direccións dos centros educativos, como o profesorado, as familias e os sindicatos do comité de persoal do Concello xa manifestaron publicamente a súa oposición contra a pretensión de privatizar este servizo “público esencial” para o correcto funcionamento dos colexios.
Igrexas insistiu que na actualidade 28 dos 49 centros “non teñen garantido este persoal con funcións de vixilancia e portaría pola incapacidade e a falta de xestión do goberno municipal”.
Ademais, engadiu que hai “importantes dúbidas” sobre a licitación, alertando de que se inclúen no contrato colexios que neste momento si dispoñen de persoal municipal “polo que parece que a pretensión do goberno local é retiralos para substituílos pola empresa que se faga coa licitación”.
“O que parece claro é que con este contrato que se está tramitando, os colexios van ter un servizo intermitente, por horas e días, en función de tarefas concretas, co que iso supón de precariedade e falta de atención”, sentenciou o BNG.
