O grupo municipal do BNG en Vigo levará ao próximo pleno unha moción con 15 medidas para destinar 100 millóns de euros dos remantentes municipais a “atender as necesidades reais” dos vigueses en ámbitos como a vivenda, a promoción do emprego, cultura, deportes ou protección ambiental.
Así o trasladou en rolda de prensa o portavoz do grupo nacionalista, Xabier Pérez Igrexas, quen lembrou que os remanentes que ten o Concello olívico “non son aforro nin eficiencia”, senón o resultado da “permanente inejecución” dos orzamentos municipais e das “promesas incumpridas” do goberno de Abel Caballero.
Pérez Igrexas urxiu utilizar eses recursos, ante o “previsible levantamento da suspensión das regras fiscais”, para que eses fondos non queden bloqueados.
Respecto diso, o BNG expuxo 15 medidas para fortalecer os servizos públicos municipais, atallar o problema do acceso á vivenda, promover o emprego, apoiar o comercio local, acabar coa “desertización cultural” na cidade ou atender os barrios e parroquias “abandonados”.
MEDIDAS
Entre as medidas expostas, o grupo nacionalista propón crear unha Axencia Local de Vivenda Protexida para mobilizar vivendas a prezos alcanzables; despregar un programa plurianual de investimentos para barrios e parroquias con participación do movemento veciñal para decidir o destino dos recursos; aumentar a partida do Plan Municipal de Emprego; crear unha Renda Social Municipal compatible con outras axudas; ou implementar un plan integral de impulso ao comercio de proximidade.
O BNG tamén pide que se usen os remanentes para abrir dous novos Centros de Información ás Mulleres (CIM), en Coia e Teis; crear cinco novas escolas infantís en Balaídos, O Calvario, Teis, Navia e o centro; mellorar infraestruturas dos centros educativos públicos; abrir dous novos centros cívicos no Calvario e Navia; rehabilitar a antiga Compañía Viguesa de Pinturas para convertela nunha Fábrica Cultural; abrir cinco bibliotecas municipais; mellorar equipamentos deportivos; reforzar as políticas de mocidade e cultura, con novos espazos e programas; ou pór en marcha un plan municipal de resposta á emerxencia climática e executar o ‘anel verde’ impulsado polas mancomunidades de montes.
