InicioVigo e contornaVigoDescartan psicopatoloxías sobre o acusado de agredir sexualmente a unha enfermeira en...

Descartan psicopatoloxías sobre o acusado de agredir sexualmente a unha enfermeira en Vigo

O acusado négase a falar e a Fiscalía pide 1.000 euros de indemnización para a vítima: "Non está no seu soldo de enfermeira ter que soportar estas situacións".

PUBLICADO O

- Advertisement -

Os peritos forenses ratificaron o informe no que descartan que o home acusado dunha tentativa de agresión sexual a unha enfermeira, no hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, teña algunha psicopatoloxía que minguase as súas capacidades.

O xuízo por estes feitos celebrouse este mércores na sala do Penal 3 da cidade olívica, e na vista, o acusado, de 40 anos de idade, negouse a declarar nin a responder a ningunha pregunta. De feito, tamén rexeitou exercer o seu dereito a pronunciarse ao final da sesión.

Os feitos remóntanse á noite do 7 ao 8 de febreiro de 2022 cando, segundo expón o ministerio fiscal, o acusado estaba ingresado nunha habitación da unidade de Psiquiatría do hospital vigués. Nun momento determinado, cando a enfermeira entraba na habitación para atender a outra persoa, o acusado quitouse a roupa e apagou a luz.

Cando a vítima foi a acendela, el abordouna, completamente espido e co pene erecto, agarrándoa por un brazo e logo pola cintura, para tentar metela no baño da habitación, á vez que dicía “entra, follar”. A enfermeira conseguiu abrir a porta da habitación e pedir axuda a berros, e finalmente, cando xa tiña medio corpo no corredor, o acusado soltouna e volveu á súa cama.

A propia denunciante ratificou esta versión na súa comparecencia, e explicou que o acusado levaba varios días ingresado e que, aínda que non tivera problemas co persoal sanitario, si houbo pacientes que se queixaron polos seus comentarios inapropiados, e mesmo unha muller que asegurou “que se lle meteu na cama”.

Os forenses que avaliaron ao home tras estes feitos, confirmaron que as súas capacidades “non estaban afectadas” e que, aínda que pode ter un trastorno de personalidade, “non está definido o seu diagnóstico”. “Pode haber certas alteracións de conduta, pero está descartada unha psicopatología grave, de tipo psicótico”, explicaron estes profesionais.

“POUCA DÚBIDA” DA SÚA INTENCIÓN

A Fiscalía mantivo a súa cualificación e as súas conclusións, e pide para o procesado a pena de 11 meses e 20 días de prisión, por un delito de agresión sexual en grao de tentativa, coa circunstancia agravante de reincidencia, xa que o home foi condenado por unha agresión sexual en 2013 a 9 anos de prisión.

A representante da acusación pública sinalou, tras a proba practicada no xuízo, que os feitos quedaron “perfectamente acreditados” e que o acusado, non só mantiña intactas as súas capacidades, senón que perdeu a oportunidade de achegar algunha proba de descargo, “se a houbese”, ao renunciar a declarar.

Segundo destacou, o home empregou a violencia contra a enfermeira e, dado que estaba espido, co pene erecto e se dirigó a ela con palabras de tipo sexual, “hai pouca dúbida de cal era a súa intención”.

Ademais da pena de prisión, a fiscal pediu tamén que indemnice á prexudicada en 1.000 euros polos danos morais, porque “non está no seu soldo de enfermeira ter que soportar estas situacións”.

Pola súa banda, a defensa pediu a libre absolución, e que se teña en conta a eximente “ou polo menos a atenuante” do seu trastorno psiquiátrico. Tamén lembrou a “total colaboración” do acusado co persoal do hospital tras producirse estes feitos, e sinalou que, cando a enfermeira fixo ademán de ir á porta e chamou á súa compañeira, el soltouna voluntariamente. “Houbo un malentendido, o meu cliente interpretouno e deixouna marchar”, resolveu.

ÚLTIMAS

Comisan en Ecuador máis dunha tonelada de cocaína que tiña como destino o porto de Vigo

A Policía Nacional de Ecuador comisou, en Guayaquil, máis dunha tonelada de cocaína nun colector que...

A Garda Civil recolle pistas sobre o atropelo mortal na AP-9 en Teis

A Garda Civil continúa investigando o atropelo mortal a un home de 33 anos ocorrido na...

OPINIÓN.- A vivenda como dereito nun modelo de cultura económica neoliberal

Cando falamos de vivenda habitual, estamos facendo referencia a un dereito fundamental recollido na...

Investigan a unha menor que realizaba prácticas nun turismo coa súa nai e o seu irmán no Porriño (Pontevedra)

A Garda Civil investiga a unha menor que foi identificada o sábado 21 de decembro ao...