InicioSociedadePresentado o novo barco oceanográfico do CIM Vigo pola Universidade de Vigo...

Presentado o novo barco oceanográfico do CIM Vigo pola Universidade de Vigo e Rodman Polyships

Na presentación do CIM UVigo participaron o reitor da institución académica viguesa, Manuel Reigosa; a vicerreitora de Investigación, Belén Rubio; o director do Campus do Mar, Daniel Rey; e o director comercial de Rodman Polyships, Gonzalo Torres.

PUBLICADO O

- Advertisement -

A Universidade de Vigo e o estaleiro Rodman Polyships presentaron este xoves o novo buque oceanográfico do Centro de Investigacións Mariñas, CIM UVigo, fabricado nas instalacións da empresa naval en Moaña e a primeira embarcación de uso profesional feita en España con propulsión híbrida enchufable.

O barco ten 19,5 metros de eslora e 5,4 metros de manga, e está acondicionado para realizar tarefas de investigación científica en mares e augas costeiras. O orzamento para a súa construción foi de 1,5 millóns e está financiado con cargo á axuda concedida pola Axencia Estatal de Investigación (Ministerio de Ciencia e Innovación) para a adquisición de equipamento científico-técnico, no marco dos fondos europeos Next Generation.

O barco conta con propulsión híbrida enchufable, e dispón de modo complementario dun sistema de xeración de energecía baseado en paneis solares e dous aeroxeradores. Deste xeito, trátase dunha embarcación respectuosa co medio ambiente e cun modelo de xestión eficiente.

Na presentación do CIM UVigo participaron o reitor da institución académica viguesa, Manuel Reigosa; a vicerreitora de Investigación, Belén Rubio; o director do Campus do Mar, Daniel Rey; e o director comercial de Rodman Polyships, Gonzalo Torres.

Reigosa destacou que foi o talento e potencial do Centro de Investigacións Mariñas o que permitiu conseguir financiamento para este recurso, que “terá efecto multiplicador” porque axudará a incrementar o impacto de investigacións mariñas e publicacións. Así mesmo, valorou o “talento” do estaleiro, capaz de facer este barco “a medida” e “deseñado para atender as necesidades dos grupos de investigación”.

Finalmente, trasladou o seu desexo de que, no futuro, esta embarcación poida estar atracada na ETEA, onde está proxectada a instalación de edificios e recursos do Campus do Mar.

Mentres, Daniel Rey subliñou que o novo barco está autorizado para traballar ata 20 millas da costa, e permitirá aos investigadores chegar a áreas ás que antes non podían acceder, se non era contratando un barco. O buque dará autonomía ao persoal investigador e tamén na realización de prácticas, e ampliará a posibilidade de establecer colaboracións con outros grupos de investigación.

O director comercial de Rodman Polyships destacou que a construción desta embarcación supuxo “un reto moi importante para a empresa”, e implicou traballar un ano “de xeito conxunto” co persoal do CIM. Por iso, trasladou a súa esperanza de cumprir ” as expectativas tan altas” marcadas coa construción.

CARACTERÍSTICAS TÉCNICAS E CIENTÍFICAS

Este oceanográfico poderá contar cunha tripulación de ata 12 persoas e conta cun guindastre nun dos seus costados, un pórtiuco en popa e un cabrestante para o manexo e despregamento de equipos pesados, como rosetas, testificadores, redes, robots, etc.

O casco e a cuberta son de poliéster reforzado con fibra de vidro e ten unha zona de habilitación, laboratorio, tanques e sala de máquinas. A zona de habilitación, illada acusticamente, está composta por un camarote con dúas liteiras para catro tripulantes, un aseo completo, un comedor con cociña, un laboratorio e espazo de almacenaxe.

Aínda que conta cun motor auxiliar diésel, é capaz de navegar eléctricamente ao 100 %, a velocidades de ata 10 nós e cunha autonomía de máis dunha hora (a 5 nós en modo eléctrico).

O barco está deseñado para realizar misións científicas como análises, tarefas de observación e cartografía, instalación e recuperación de aboias e outros equipos fondeados, lanzamento de muestreadores, ou tamén para dar apoio loxístico a vehículos submarinos non tripulados.

ÚLTIMAS

Cinco detidos en Vigo por un alixo de 200 quilos de cocaína chegado nun portacontedores desde Sudamérica

A Policía detivo a cinco persoas pola súa suposta vinculación cun cargamento duns 200...

O BNG alerta de que 9 de cada 10 alugueiros en Vigo superan os 700 euros e esixe declarar a zona tensionada

O BNG de Vigo alertou este martes de que 9 de cada 10 vivendas...

O PP de Vigo esixe a Caballero que rompa o seu “silencio cómplice” ante o pacto entre o PSOE e ERC

O PP de Vigo esixiu este martes ao alcalde da cidade, Abel Caballero, "que...

Patronal e sindicatos abren en Vigo a negociación do convenio do Metal

A cidade de Vigo acolleu este martes a primeira toma de contacto da mesa...