Os traballadores de Vitrasa, concesionaria do bus urbano de Vigo, trasladaron este martes as súas protestas ás portas do museo Marco, onde se celebrou o acto institucional con motivo do Día da Constitución, e increparon ao alcalde, Abel Caballero, á súa saída do edificio, perseguíndoo mentres o rexedor camiñaba pola rúa lateral do museo, escoltado por axentes da Policía Nacional.
Os empregados da concesionaria, que están en folga indefinida desde o pasado 25 de novembro, concentráronse pola mañá ante o Concello, antes de trasladarse á entrada do museo Marco, onde a Federación de Asociacións de Veciños (Favec) convocara unha concentración para reclamar unha saída ao conflito do bus urbano.
A contorna do Marco estivo blindado por efectivos de Policía Nacional durante a celebración do acto do Día da Constitución, presidido polo delegado do Goberno en Galicia, Pedro BLanco, e con presenza de numerosas autoridades, entre elas Abel Caballero. Mentres, no exterior, os traballadores de Vitrasa e representantes de CIG, UGT, USO e CC.OO. gritaban consignas como “Menos luces, máis autobuses”, “Caballero vendeobreIros” ou “Vitrasa culpable, alcalde responsable”.
O alcalde saíu do edificio uns 40 minutos despois de que terminase o acto, acompañado por Pedro Blanco e por Abel Losada, e dirixiuse cara a un lateral do Marco, mentres os traballadores seguíano rúa arriba, contidos por un ‘cordón’ de valos e de axentes de Policía.
Na parte traseira do museo atopábase estacionado o coche oficial do rexedor pero este rexeitou utilizalo e seguiu camiñando, mentres se dirixía aos traballadores levantando unha man cos dedos formando o ‘V’. Finalmente, no cruzamento coa rúa Progreso, virou e encamiñouse cara ao Concello, mentres os traballadores eran retidos pola Policía e seguían a increpalo.
A Policía identificou a tres persoas que se atopaban no grupo que increpaba ao rexedor, e propuxo a unha delas para sanción polo lanzamento dun papel ao paso do alcalde. No entanto, trátase de persoas que non teñen relación co conflito de Vitrasa nin son traballadores da empresa, senón que se uniron á protesta para tentar abordar ao alcalde por outros motivos.
Non é a primeira vez que Abel Caballero e os traballadores de Vitrasa protagonizan un ‘encontrón’. O pasado 14 de novembro os traballadores da concesionaria concentráronse nas inmediacións do ascensor Halo, onde o alcalde acudiu a presenciar unhas probas de iluminación, e tamén o increparon. Entón, o rexedor tamén se encarou con eles, facendo coa man o ‘V’ e lembrándolles que “só” eran “tres”.