O Xulgado do Contencioso-Administrativo número 1 de Vigo desestimou o recurso interposto pola Comunidade de Montes en Man Común de Santa Mariña de Cabral contra unha resolución ditada pola Axencia de Protección da Legalidade Urbanística en 2022, que obrigou a devolver ao seu estado orixinal un terreo de 5.400 metros cadrados no que se realizaron obras de acondicionamento para alugalo como aparcadoiro nas inmediacións do aeroporto de Peinador.
En concreto, a parcela está situada á beira das instalacións da Inspección Técnica de Vehículos e do Instituto Feiral de Vigo (Ifevi) e nela realizáronse traballos para achandala e crear unha zona de parking ao aire libre.
A sentenza entende que estes movementos de terra alteraron a rasante do terreo, unha “acción prohibida”, e incide tamén en que o aparcadoiro para automóbiles non era unha actividade mercantil que gardase relación directa coa explotación racional dos recursos naturais, como esixe a lexislación.
A resolución lembra que a Comunidade de Montes tampouco xustificou as obras cun suposto carácter temporal en función do seu uso e tamén matiza que esa temporalidade era “incompatible” coa execución dunha obra de explanación da envergadura que se fixo, nin coa subscrición dun contrato de arrendamento para explotar o parking.
“O uso proxectado estaba prohibido”, conclúe a sentenza, sobre a que cabe interpor recurso ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG).
Na resolución, que nace dunha denuncia interposta pola Asociación de Veciños e Empresarios de Cabral (Aveeca), o xulgado tamén considera que os grandes movementos de terra foron realizados nos anos 2019 e 2020 e non en 2004 como alegaban os comuneiros. Todo iso púidose comprobar grazas a fotografías aéreas entregadas por Aveeca, segundo reivindica esta asociación nun comunicado.
