A Xunta suxire ao Concello de Vigo que “canto antes” se celebre unha reunión a tres bandas, entre ambas as administracións e a Fundación Secretariado Xitano, co obxectivo de ofrecer “unha solución satisfactoria e estable” para reacoller ás familias afectadas polo incendio nun edificio da cidade olívica que deixou cuarto falecidos, unha nai e tres dos seus fillos.
Esta é a proposta que trasladaron a vicepresidenta segunda da Xunta e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e a conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, a través dunha carta dirixida ao alcalde de Vigo, Abel Caballero.
E é que a concelleira de Benestar Social do Concello, Yolanda Aguiar, informaba este mesmo luns do envío dunha misiva á conselleira de Política Social para reclamarlle unha solución habitacional para as familias que vivían ilegalmente no edificio de Alfonso X, por atoparse en situación de vulnerabilidade.
A resposta, á que tivo acceso Europa Press, vai asinada non só por Fabiola García, senón tamén pola vicepresidenta Anxos Vázquez como responsable da carteira de Vivenda.
Ambas as responsables autonómicas suxeriron que “canto antes” se celebre esta reunión, na que tamén estea Secretariado Xitano, á vez que instan o goberno local vigués a que responda para fixar a data e a hora.
Na mesma misiva, a Xunta expresa “como toda a cidadanía” a súa “consternación” por este suceso ocorrido na madrugada do pasado mércores, 11 de outubro. Ademais do catro falecidos, aínda hai cinco persoas ingresadas, catro delas na UCI.
“CADA ADMINISTRACIÓN NO ÁMBITO DAS SÚAS COMPETENCIAS”
A vicepresidenta segunda e a conselleira destacan os labores realizados no punto, a nivel de emerxencias e sanitario, polos servizos autonómicos. Con respecto ás “consecuencias sociais”, coinciden en que deben atenderse “de modo conxunto e coordinado, con plena implicación de cada administración no ámbito das súas competencias”.
Na mesma liña do manifestado o pasado venres polo presidente da Xunta, Alfonso Rueda, Vázquez e García advirten ao alcalde que “non é o momento de esquivar responsabilidades, senón de asumilas”.
Así, na súa resposta ao goberno local, ambas lémbranlle que o Concello “ten competencias” tanto en materia de promoción e xestión de vivenda de protección pública como de servizos sociais comunitarios, de acordo coa lexislación estatal e autonómica. A pesar diso, a Xunta ten “a man tendida para colaborar” co Consistorio para “favorecer o benestar” das familias afectadas por esta traxedia.
GARDA DE DOUS MENORES
Por outra banda, fontes da Consellería de Política Social e Xuventude confirman a Europa Press que a Administración galega asumirá a garda doutros dous menores, irmáns entre si, pertencentes a unha das familias desaloxadas do edificio incendiado.
Cabe lembrar que a Xunta ten a tutela da nena de oito anos que é irmá e filla da muller e o tres menores falecidos no incendio. A sobrevivente continúa na UCI do Hospital Materno-Infantil Teresa Herrera da Coruña.
A diferenza da tutela, que implica a suspensión da patria potestade ao estar o menor está en situación de desamparo, a garda que a Consellería asume con respecto aos outros dous nenos supón velar por aspectos como a súa educación e alimentación. Esta decisión adoptárona técnicos da Administración, sosteñen as mesmas fontes, por considerar que “é o mellor” para eles dada a súa actual situación.
