InicioSucesosO edificio incendiado en Vigo estaba okupado, era centro de menudeo de...

O edificio incendiado en Vigo estaba okupado, era centro de menudeo de drogas e xa sufrira outros incendios

O Concello evita confirmar que se trate dun incendio intencionado. A familia falecida era coñecida polos servizos sociais do Concello e da Xunta.

PUBLICADO O

- Advertisement -

O lume no edificio que este mércores provocou catro mortes (unha muller e tres menores) produciuse nun coñecido edificio que está ocupado dende hai unha década por indixentes e xente sen recursos, non exento de polémica pola mala convicencia có vencindario.

Os veciños levan anos denunciando o que é un centro de menudeo de droga e onde se producen constantes incidentes de violencia como pelexas e ameazas con arma branca. Con todo, desde o Concello evitan apuntar hipóteses ou que hai intencionalidade neste feito como mantén a veciñanza e, din que, polo momento, “trátase dun accidente”.

“É verdade que son situacións nas que naturalmente nos pomos moi nerviosos, buscamos culpables e é humano que os familiares e os amigos e a xente máis próxima estea inquieta e pense ese tipo de cuestións, pero o mellor é deixar traballar aos profesionais”, subliñou a concelleira de Seguridade, Patricia Rodríguez.

De feito ese non sería o primeiro lume producido no edificio. Fai uns meses, un dos ocupantes deste edificio provocou de xeito intencionado outro lume na planta baixa, motivo polo que foi desaloxado tamén o edificio.

Á VENDA

Algunhas das vivendas do edificio estaban en venda nun coñecido portal inmobiliario. De feito, no anuncio xa se especifica que “o inmoble se transmite ocupado por terceiro sen título” e que estaba en “estado de ruína, non sendo posible a súa ocupación, nin o seu destino como vivenda ou local, debendo tomarse as precaucións que correspondan en caso de acceso ao mesmo”.

UN INMOBLE DOS ANOS 60 PENDENTE DE DESALOXO

O edificio estaba pendente de ser desaloxado para a realización de reformas menores, segundo informaron desde o goberno municipal, que sinalou que a propiedade do inmoble, a través dun administrador, comunicou hai unhas semanas ao Concello a súa intención de acudir á vía xudicial para “recuperar a posesión” do mesmo.

Así o explicou a concelleira de Urbanismo, María José Caride, que matizou que, con todo, non constaba que houbese danos estruturais importantes no edificio. Segundo explicou, o Concello tiña constancia dalgúns danos nunha fachada interior, pero os técnicos non puideron ratificalos porque non se lles permitiu o paso polos residentes.

Caride tamén indicou que o edificio que si ten requirimento municipal para facer obras é o número 4, onde se detectaron problemas de desconchados e de humidade na fachada que, en todo caso, non afectan á súa seguridade. Tras o incendio, engadiu, unha vez que culminen os traballos dos investigadores e autoríceo o xulgado de instrución, técnicos municipais accederán ao edificio sinistrado para valorar o seu estado e as súas condicións de habitabilidade.

A concelleira de Seguridade, Patricia Calviño, tamén explicou que, nese mesmo inmoble, houbo “varias intervencións” de efectivos de emerxencias e que, salvo unha delas, todas foron “falsas alarmas”. A edila sinalou que, o pasado mes de agosto, rexistrouse un incendio que afectou a un cadro eléctrico pero que os danos non se estenderon a outras zonas do edificio.

ATENDIDOS POR SERVIZOS SOCIAIS

Pola súa banda, a concelleira de Benestar Social, Yolanda Aguilar, confirmou que tanto os servizos sociais do Concello como da Xunta coñecen á familia dos falecidos, e que tiñan “historia aberta” en ambas as administracións. Ata o lugar do incendio desprazouse persoal deste departamento para atender aos desaloxados do inmoble (unhas 30 persoas) e cubrir as súas necesidades básicas nese momento.

Así mesmo, sinalou que 13 persoas foron recolocadas no albergue municipal (dúas delas tras recibir o alta do hospital) e que alí recibirán atención psicolóxica e psicosocial. O Concello tamén se fixo cargo das mascotas que vivían no inmoble, que foron trasladadas á Protectora Municipal.

OPERATIVO DE EXTINCIÓN

Calviño explicou que no operativo de extinción, participaron os dous ‘trens de primeira saída’ de ambos os parques municipais, formados por un sarxento, 4 bombeiros e un condutor. A maiores, mobilizouse o vehículo escaleira para rescate en altura cun bombeiro e un condutor, e a motobomba urbana do parque de Coruxo, que non tivo que intervir, aos que se sumaron o suboficial e o xefe de servizo.

Indicou que tamén foron mobilizados 12 efectivos de Policía Local para apoiar o labor de Policía Nacional, Urxencias Sanitarias e os propios bombeiros. Segundo relatou, os servizos de extinción tardaron apenas 7 minutos en chegar e en poucos minutos puideron sufocar as chamas, aínda que “o principal problema foi a toxicidade do fume”.

A sección sindical da CUT no servizo de bombeiros, denunciou que efectivos de extinción realizaron informes sobre os problemas que presentaba o inmoble nas anteriores intervencións, alertando de que había xente vivindo alí en malas condicións de habitabilidade e que as dependencias do edificio acumulaban aveños, “o que podería supor un problema en caso de incendio grave”.

LOITO OFICIAL

O alcalde da cidade, Abel Caballero, trasladou a “consternación” de Vigo polo ocorrido e agradeceu as mostras de apoio e de pésame recibidas (entre elas do presidente do Goberno, Pedro Sánchez; o presidente da Xunta, Alfonso Rueda; a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón; ou o presidente do Parlamento galego, Miguel Ángel Santalices, entre outros).

Así mesmo, informou de que se decretan tres días de loito oficial, con bandeiras a media hasta, e suspendéronse todos os actos municipais (incluído o pleno extraordinario previsto para este mércores).

A Deputación de Pontevedra tamén decretou loito e suspendeu a súa axenda, á vez que trasladou que “comparte a dor de toda a familia e a cidadanía viguesa”. O presidente provincial, Luís López, expresou as condolencias de toda a Corporación así como o “agarimo” aos afectados e os seus achegados.

As mostras de condolencia repetíronse noutros lugares de Galicia, como no Parlamento autonómico, onde se gardou un minuto de silencio.

A Garda Civil, pola súa banda, confirmou a desconvocatoria dos actos previstos para este xoves, con motivo da festividade do Pilar, que ían ter lugar nas instalacións da Compañía Fiscal do Porto. Unicamente manterase a celebración de misa solemne na Concatedral de Vigo ás 12.00 horas.

ÚLTIMAS

O primeiro premio da Lotaría Nacional, dotado con 600.000 euros, cae no Porriño

O primeiro premio do sorteo da Lotaría Nacional celebrado este sábado, 19 de abril,...

Piden sete anos de cárcere para un home acusado de vender droga no bar que rexentaba en Vigo

Piden sete anos de cárcere para un home acusado de vender droga no bar...

Desmantelan en Mos unha festa rave

A Garda Civil de Pontevedra, a través do Grupo de Información da súa comandancia, informou sobre...

Rescatan a varios veciños dun edificio en chamas en Vigo

Os Bombeiros de Vigo rescataron a varios veciños dun edificio en Vigo no que...