O alcalde de Vigo, Abel Caballero, asegurou este xoves que a cidade mantén as súas opcións para ser sede dalgún dos partidos do Mundial de Fútbol de 2030, que terá lugar en España, Portugal e Marrocos, e, tras asegurar que o proxecto vigués é “moi sólido”, acusou ao PP local e ao seu portavoz municipal, Marta Fernández-Tapias, de oporse.
O rexedor olívico mostrou a súa satisfacción pola adxudicación da celebración deste macroevento deportivo á candidatura presentada por España, Portugal e Marrocos (aínda que os partidos inaugurais serán en Sudamérica), e lembrou que “agora vén a seguinte fase”, é dicir, haberá que decidir, en 2024, que estadios en España albergan partidos.
“Nós mantemos con toda a forza a opción de Vigo (…) sabemos que é un proxecto moi sólido, consistente, ten garantías totais de bo funcionamento”, recalcou Abel Caballero, que insistiu en que a cidade pelexará por ser sede “ata o final”.
Con todo, o alcalde lamentou que Marta Fernández-Tapias “decidiu que Vigo está descartado”. “De onde sacou iso, que Vigo non é unha boa opción? Non quere que sexa sede, iso é o que pasa. Están tan obsesionados que todo o que sexa bo para a cidade, eles van estar enfronte”, criticou.
RESPOSTA DO PP
Pola súa banda, o grupo municipal do PP matizou que Fernández-Tapias fixo unhas declaracións nunha entrevista en Onda Cero, na que o xornalista recoñecía que “todo apunta” a que Vigo quedará fóra das sedes elixidas.
A resposta da portavoz ‘popular’ foi que “non está confirmado ao cento por cento, pero todo apunta” e sinalou que “é unha pena”. Segundo engadiu, se o estadio municipal de Balaídos estivese “en condicións”, quizá “fose outra cousa” ou se non se esperou ” 8 anos para facer unha bancada”.
O PP de Vigo pediu a Abel Caballero “que deixe de facer interpretacións e manipulacións interesadas” sobre a posición deste grupo con respecto á candidatura para ser sede do Mundial, e lembrou que foi o propio alcalde é que “asegurara que Vigo ía ser sede”.