InicioEconomíaO Concello aprobará unha modificación de crédito para pagar parte do sobrecusto...

O Concello aprobará unha modificación de crédito para pagar parte do sobrecusto polos cambios no ascensor HALO

O prazo de fin de obra adiántase a decembro e o suplemento de crédito permitirá que non se paralicen os traballos. As obras do ascensor HALO comezaron a principios de agosto de 2022, e o prazo de execución era de 12 meses. O custo da obra cifrouse inicialmente en 7,2 millóns, cando se presentou o proxecto, pero foi finalmente adxudicada por 12,5 millóns. Coa modificación do proxecto aprobada este verán, o investimento sitúase en algo máis de 15,7 millóns de euros, dos que uns 6 millóns proceden de fondos europeos.

PUBLICADO O

- Advertisement -

O goberno local de Vigo deu luz verde a unha modificación orzamentaria para afrontar parte do sobrecusto que implican os cambios aprobados no proxecto do ascensor HALO (e na reforma das rúas adxacentes), de maneira que, tras imputar 1,2 millóns de euros aos orzamentos de 2023, aprobará ese suplemento de crédito por valor de 2 millóns de euros, tendo en conta que o custo total dos cambios ascende a 3,2 millóns.

A finais de xuño pasado, a Xunta de Goberno aprobou a modificación do proxecto da obra, por valor de 3,2 millóns de euros, e que supuña ampliar o prazo en 5 meses, fixando a finalización dos traballos para marzo de 2024. Nese momento, acordouse abonar o sobrecusto en dúas anualidades, con cargo aos orzamentos de 2023 (1,2 millóns) e 2024 (2 millóns), respectivamente. Pero a UTE que se encarga dos traballos comunicou ao Concello que o prazo de finalización pode adiantarse ata finais de 2023.

Deste xeito, e constatado que non hai orzamento dispoñible para a segunda anualidade nas contas de 2023, o goberno municipal acordou tramitar esa modificación de crédito, por algo máis de 2 millóns de euros, con cargo aos remanentes. Ademais da insuficiencia de recursos nos orzamentos deste ano, no expediente xustifícase a modificación de crédito pola “inaplazabilidade do gasto”, para evitar a paralización da obra, o atraso na súa entrega ou, no peor dos casos, ter que frear os traballos e volvelos a contratar en 2024, con risco de que determinados recursos técnicos e de persoal non estean dispoñibles.

MÁIS DUN ANO EN OBRAS

As obras do ascensor HALO comezaron a principios de agosto de 2022, e o prazo de execución era de 12 meses. O custo da obra cifrouse inicialmente en 7,2 millóns, cando se presentou o proxecto, pero foi finalmente adxudicada por 12,5 millóns. Coa modificación do proxecto aprobada este verán, o investimento sitúase en algo máis de 15,7 millóns de euros, dos que uns 6 millóns proceden de fondos europeos.

PROTESTAS DA OPOSICIÓN

Os grupos da oposición no Concello de Vigo denunciaron este luns novamente o “escandaloso sobrecusto” do ascensor HALO, e criticaron que o goberno de Abel Caballero apuren a mobilizar recursos para ese tipo de investimentos e non para atender a outras necesidades máis urxentes.

O concelleiro do PP, Miguel Martín, sinalou que a modificación de crédito aprobada pola xunta de goberno para pagar parte do sobrecusto derivado dunha modificación do proxecto, e que ascende a algo máis de 2 millóns de euros (dun total de 3,2 millóns de custo adicional por eses cambios) “non é máis que un truco contable”.

Así, lembrou que ese gasto adicional de 3,2 millóns debía ser sufragado en dúas anualidades, con cargo aos orzamentos de 2023 e de 2024, pero o goberno optou por adiantar a anualidade de 2024 a este ano, mediante un suplemento de crédito extraordinario con cargo a remanentes para “evitar incumprir a regra de gasto”.

Para o PP, “o máis rechamante é a coartada” que ofrece o goberno municipal, xustificando o adianto do pago pola redución de prazos para finalizar a obra (o prazo de marzo de 2024 adiantouse a decembro de 2023). “É un engano, porque esa obra xa tiña que estar finalizada en agosto”, apuntou Miguel Martín.

O edil ‘popular’ engadiu que “o máis sanguento” é o “escandaloso sobrecusto” da obra, cuxa investimento inicial era de 7,2 millóns, sendo licitada por 12,5 e coa modificación do proxecto ascende a máis de 15,7 millóns. “O Concello ten que explicar como é posible, porque a inflacción e as supostas melloras non xustifican semellante desviación”, afirmou, e preguntou “onde está o límite para pagar un ascensor, por moi panorámico que sexa”.

Finalmente, acusou a Abel Caballero de facer “un uso torticero” dos remantentes de tesouraría, porque “no canto de gastalos nas necesidades dos vigueses, malgástanse nun elevador a maior gloria do alcalde”.

EMENDA NACIONALISTA

Pola súa banda, o grupo municipal do BNG presentou unha emenda á modificación de crédito para que se destine “polo menos” os mesmos recursos que se irán para o HALO ás parroquias da cidade.

Así, explicou o portavoz do grupo, Xabier Pérez Igrexas, as parroquias do rural de Vigo deben contar este ano cun investimento de polo menos 10 millóns de euros para pór en marcha o Plan Cidade, que o BNG xa expuxo no último pleno.

Pérez Igrexas vaticinou que, despois de que o custo do ascensor multiplicouse por máis de dous, non se pode descartar que o HALO acabe roldando os 20 millóns de euros.

ÚLTIMAS

Un atuneiro dunha empresa viguesa, implicado nun naufraxio cun desaparecido nas Galápagos

O atuneiro 'Ría de Aldán', comprado o ano pasado pola viguesa Wofco, viuse implicado nun accidente...

Restablecen a circulación na ponte de Rande logo dun accidente múltiple que provocou retencións

A circulación na ponte de Rande quedou restablecida despois de algo máis dunha hora...

O AVE Vigo – Porto tardará 50 minutos, pero non se sabe cando estará operativo

Portugal prevé que a conexión en tren de Vigo ao Porto sexa de 50 minutos...

A Xunta intervirá Ambulancias del Atlántico con tres técnicos de Tragsa e xestionará a entrega de nóminas

Os sindicatos CIG, CC.OO. e USO informaron, nun comunicado conxunto, do achegamento de posturas...