O alcalde de Vigo, Abel Caballero, deu este martes o pistoletazo de saída ao Nadal, no acto de inicio da instalación da iluminación, aínda que a súa intervención viuse deslucida pola protesta dun grupo de traballadores da concesionaria de bus urbano, Vitrasa, que corearon consignas como “menos luces e máis autobuses” mentres o rexedor comparecía ante os medios.
Así, no cruzamento de Gran Vía e Lepanto, o rexedor, acompañado pola tenente de alcalde, Carmela Silva e por varios edís do seu goberno, explicou aos xornalistas que este martes “se inicia a montaxe do Nadal neste planeta”. “Toda España estaba a desexar que désemos esta rolda de prensa”, incidiu.
Segundo relatou, na próxima campaña do Nadal, Vigo contará con “11,5 millóns de luces led, o máximo número en ningunha cidade do planeta”; 450 rúas iluminadas; 6.000 estruturas decorativas; 3.708 arcos de luz; 56 elementos de gran tamaño; 2.318 árbores iluminadas; ademais da xa tradicional nora e o mercadillo, aínda que destas últimas atraccións non precisou se se manterá a localización na contorna do Areal.
A todos estes elementos, unirase a gran árbore de luces de Pórtaa do Sol, con 40,5 metros de altura, “o máis alto do mundo”, e outras actividades e “sorpresas”. “É o mellor Nadal, e convido a toda España”, proclamou Abel Caballero.
Con respecto á protesta de veciños polas molestias ocasionadas polos ruídos da música e as atraccións, o alcalde sinalou que o Concello creou unha comisión para minizar os “efectos secundarios” da campaña do Nadal e volveu a lembrar que hai unha sentenza “absolutamente favorable” tras unha denuncia dunha veciña (sentenza que, por outra banda, foi recorrida pola demandante e pola Fiscalía).
No acto deste martes iniciouse a instalación da coñecida como ‘caixa xigante de agasallo’, que ten a súa localización en Gran Vía, e cuxo montaxe forma parte dun contrato en vigor. No entanto, o gran contrato de instalación da iluminación foi licitado a principios de agosto por case 9,5 millóns de euros para o próximos catro anos e a empresa andaluza Ximénez foi a única que se presentou, aínda que aínda non se formalizou a adxudicación.
PROTESTAS DE TRABALLADORES DE VITRASA
O rexedor puido ofrecer esta rolda de prensa, en plena rúa, a duras penas, xa que o acto contou coa presenza dun grupo de traballadores da concesionaria de bus urbano, que levan meses de conflito coa empresa por supostos incumprimentos nas súas condicións e polo bloqueo do convenio colectivo.
Ao berro de “menos luces e máis autobuses” ou “Vitrasa solución, alcalde dimisión”, os traballadores afearon a Caballero que non tome medidas para obrigar á concesionaria a cumprir co seu persoal e para evitar a deterioración do servizo. Abel Caballero, pola súa banda, evitou entrar en debate con eles, e limitouse a encaralos mostrando no alto a man co xesto do ‘V’.
