InicioSucesosDenunciada unha presunta agresión sexual dun usuario a unha traballadora nunha residencia...

Denunciada unha presunta agresión sexual dun usuario a unha traballadora nunha residencia pública en Vigo

A consellería de Política Social e Xuventude emitiu un comunicado en resposta a esta denuncia, no que subliña que a Xunta "actuou con total celeridade" en canto tivo coñecemento deste caso.

PUBLICADO O

- Advertisement -

O comité de persoal de Política Social na provincia de Pontevedra denunciou este martes unha suposta agresión sexual a unha traballadora do Complexo Residencial de Atención a Persoas Dependentes (CRAPD II) de Vigo, por parte dun usuario dos denominados de “emerxencia social” (aínda que a Xunta matizou que non é o caso, e que entrou á residencia por réxime ordinario), e esixiu medidas para que este tipo de situacións non se repita, e que pasan por adaptar espazos específicos para este tipo de usuarios, cos recursos “adecuados” e presenza dun psiquiatra.

Segundo trasladou o comité nun comunicado, a derivación de persoas en situación de emerxencia social, algúns con patoloxías psiquiátricas e problemas de adicción, aos centros de maiores e dependentes, xerou problemas de convivencia e seguridade, ao realizarse sen reforzar o persoal e adecuar os espazos nestas residencias.

O comité proclamou que tanto os maiores como esas persoas en situación de emerxencia social merecen unha atención e un trato “dignos”, pero advertiron de que non se pode prestar esa atención a ambos os colectivos “ao mesmo tempo, no mesmo espazo e cos mesmos recursos”, polo que pediron “máis medios” para poder levar a cabo o seu traballo.

Desde que se iniciou a derivación deste tipo de usuarios, denunciaron os representantes dos traballadores, os problemas han ido en aumento, desde conflitos de convivencia, pasando mesmo por roubos aos residentes maiores. “E agora xa lle toca ao persoal”, denunciou Bernardina Porral, secretaria do comité, en alusión a esa traballadora agredida sexualmente (por un usuario que foi trasladado tras estes feitos), e anunciou que, á marxe do que decida a propia afectada, o comité porá estes feitos en coñecemento da Fiscalía.

Porral explicou que esta situación “non se pode repetir”, e que os traballadores do centro non poden acudir aos seus postos “con medo”. Por iso, desde o comité volveron a esixir medidas á administración, como a adaptación de espazos específicos para eses usuarios dentro das propias residencias, a dotación de recursos humanos, entre eles un psiquiatra “todos os días”, e a formación adecuada dos traballadores para atender eses casos.

ACTUACIÓN “CON TOTAL CELERIDADE” PARA “PROTEXER” Á TRABALLADORA

Pola súa banda, a consellería de Política Social e Xuventude emitiu un comunicado en resposta a esta denuncia, no que subliña que a Xunta “actuou con total celeridade” en canto tivo coñecemento deste caso, “para protexer” á traballadora do CRAPD II de Vigo, que “decidiu non pór denuncia ante a Garda Civil”.

En calquera caso, o departamento autonómico matizou que o suposto agresor, que foi trasladado a outro centro residencial, entrou no CRAPD II “por réxime ordinario, e non por emerxencia social”, como sinalou o comité.

Respecto diso, a consellería advertiu de que “resulta discriminatorio asociar este suceso con este tipo de usuarios”, que “non son máis que persoas que acceden a unha praza residencial por atoparse en situación de desamparo”.

Finalmente, a Xunta lembrou que se atopa en proceso de elaboración dun protocolo de agresións, “tal e como foi acordado coas organizacións sindicais con representación no comité de empresa de Política Social”, e que se fai en colaboración co servizo de Prevención de Riscos Laborais. Así mesmo, “están a prepararse cursos de formación para o persoal dos centros de Política Social, para axudalos e asesoralos na xestión destes casos”.

ÚLTIMAS

Vigo acolle o VII VigoSaxForum cunha semana de concertos e actividades arredor do saxofón

O barrio vigués de Valladares converterase desde este domingo 29 de xuño e ata...

Falece unha persoa tras ser rescatada do mar por un particular en Nigrán

Unha persoa perdeu a vida na noite deste sábado na Praia América, situada na...

Entra en prisión provisional o detido pola agresión sexual a un menor nos baños do Vialia

A xuíza do Xulgado de Instrución número 2 de Vigo, en funcións de garda,...

Evacúan en helicóptero unha muller que visitaba as Illas Cíes tras sufrir un grave problema de saúde

Unha muller de 56 anos e nacionalidade portuguesa foi evacuada este sábado en helicóptero das Illas Cíes,...