InicioVigo e contornaVigoDenunciado un novo peche do parque de bombeiros de Coruxo, en Vigo,...

Denunciado un novo peche do parque de bombeiros de Coruxo, en Vigo, por falta de efectivos

Os sindicatos CIG e CUT critican a falta de persoal suficiente para cubrir todas as prazas.

PUBLICADO O

Os sindicatos CIG e CUT denunciaron un novo peche, este venres, do parque de bombeiros de Coruxo, en Vigo, por non chegar ao número suficiente de efectivos para garantir a saída.

A sección sindical da CIG no Concello de Vigo explicou que o parque está pechado desde as 22,00 horas deste xoves ata as 22,00 horas deste venres, “estando unicamente operativos 12 efectivos dos 20 que establecen os mínimos fixados polo goberno local”.

A central nacionalista reiterou a súa denuncia do “deixamento” e “falta de responsabilidade” dos mandatarios municipais, e a súa “total pasividade” á hora de buscar unha solución “a un problema crónico”. Todo iso tendo en conta que o peche do parque de Coruxo “é recorrente” nos últimos meses.

“O goberno municipal está a incumprir os mínimos de persoal que eles mesmos aprobaron para garantir de forma mínima a seguridade da cidadanía, pondo en serio risco a súa integridade, e aumentando considerablemente os tempos de resposta ante un sinistro”, apostilou a CIG.

Así mesmo, volveu a denunciar que seguen sen executarse as Ofertas Públicas de Emprego de 2020, 21 e 22, e a de 2023 está “paralizada”.

Desde a CUT tamén se denunciou o peche do parque e o “risco” de que a cidade non teña unha dotación mínima para afrontar posibles sinistros, á vez que criticou a falta de responsabilidade do goberno local.

CRÍTICAS DA OPOSICIÓN

Os grupos da oposición, PP e BNG, volveu a criticar ao goberno local por este novo peche dun dos dous parques municipais.

O concelleiro ‘popular’ Fernando Abeijón sinalou que “xa van moitas veces” que Vigo queda sen un dos parques de bombeiros operativo por falta de efectivos. “É totalmente incomprensible que o alcalde siga sen facer absolutamente nada para pór solución a un problema tan grave que el mesmo creou”, apuntou.

Tras incidir na “irresponsabilidade” do goberno de Abel Caballero preguntou “canto tempo máis” vai seguir así o goberno, e esixiu ao rexedor que “reaccione” e convoque as prazas de bombeiros pendentes.

O BNG tamén volveu a reiterar as súas críticas á “nefasta xestión” do goberno local nun asunto tan relevante coa seguridade, e esixiu que se reforce o servizo. Así mesmo, o grupo nacionalista trasladou, unha vez máis, o seu apoio ao colectivo de bombeiros municipais.

O goberno local non se pronunciou sobre este novo peche das instalacións de Coruxo, aínda que, en anteriores ocasións, e ao ser preguntado pola situación, o alcalde atribuíu aos mandos dos servizos a decisión de clausurar o parque.

ÚLTIMAS

Os equipos de emerxencias auxilian aos dous ocupantes dun turismo tras saírse da vía na AP-9, a altura da parroquia viguesa de Cabral

Os dous ocupantes dun turismo foron auxiliados polos equipos de emerxencia tras saírse da...

Tres atracadores levaron uns 300.000 euros a punta de pistola do Caixabank de Gran Vía

A Policía Nacional revisa imaxes gravadas polas cámaras e toma declaracións a testemuñas e empregados para atopar...

A remodelación do Museo Massó de Bueu rematará en 2024

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, visitou este venres o Museo Massó...

O grupo municipal do PP denuncia que o Concello só dea “3 días” aos grupos para analizar a PXOM tras a súa tramitación “opaca”

O PP de Vigo reprochou este xoves que o Concello olívico só dea "tres días hábiles" aos grupos...